Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MOVEMENTO GAI-LÉSBICO

Nace Aturuxo, a primeira federación de colectivos LGBT

Este sábado constituíuse en Santiago de Compostela Aturuxo, a primeira Federación de Asociacións Lésbicas, Gais, Bisexuais e Transexuais de Galiza. Intégrana todos os colectivos que traballan a nivel local no país: Raras somos todas (Vigo), Legais (Vigo), Milhomes (A Coruña), CGC (Santiago), Boga - Lesbianas de Galiza e ALAS (Lugo).

- 18:18 28/02/2004
Tags:

Precisamente o nome da federación, Aturuxo, quere na opinión dos colectivos federados, facer memoria da primeira publicación de reivindicación gai-lésbica que se editou en Galiza, en 1980. O seu título era 'Aturuxo'. Os colectivos que agora conforman a Federación queren así honrar as persoas que botaron a andar o movemento no país, fará en 2005 vintecinco anos.

Os obxectivos de Aturuxo serán promover a información, a concienciación e a educación para que a liberdade sexual sexa unha realidade, conseguir a igualdade de dereitos das persoas independentemente da súa opción sexual e a erradicación de comportamentos homofóbicos na sociedade.

O obxectivo desta federación é actuar con máis forza fronte á administración e de cara á sociedade, dotarse duns maiores recursos humanos e técnicos, e organizar campañas e actividades de maior repercusión. Con esta Asemblea decidiuse a constitución da Federación, así como a aprobación dos seus Estatutos.

As liñas principais de traballo que vai desenvolver Aturuxo nos vindeiros meses serán o seguimento do proceso de redacción da Lei de Parellas, que se está a desenvolver no Parlamento de Galiza e a planificación e organización de actividades para festexar o día do Orgullo, o 8 de xuño. Ademais, a vindeira semana Aturuxo fará un posicionamento claro sobre as eleccións lexislativas do 14 de marzo.


5/5 (3 votos)