Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
BOICOT BASEADO NA "DILACIÓN" PARA CARGAR CULPAS NA XUNTA FRONTE UNHA POSÍBEL VAGA DE LUMES

O PPdeG recomendoulles aos seus alcaldes atrasar os convenios contraincendios

Transmitirlle á opinión pública que o PP colaboraba nos traballos contra o lume pero obstaculizar na práctica o propio proceso de contratación das brigadas de apagalumes é a base da estratexia recomendada polo PP aos seus alcaldes, segundo o documento enviado polo partido aos alcaldes o pasado 22 de xuño e asinado pola secretaria de Organización do PP coruñés, María Faraldo. Desde a consellaría de Medio Rural, o director xeral de Montes, Alberte Blanco, indicaba para a Radio Galega que isto "demostra a vontade do PP de boicotear o labor contra os incendios da consellaría". Mentres, a propia Faraldo recoñecía o envío, aínda que xustificaba que "a única intención era que ese señor, Suárez Canal, recibira ao presidente da Fegamp".

- 06:55 12/09/2006
Tags:

O control dos procesos de selección das brigadas forestais contra o lume, que acumulaban unha longa historia de críticas polo seu presunto manexo clientelar e electoralista por parte dos municipios, foi unha das claves que tentaron modificar os novos responsábeis das políticas forestais galegas, establecendo a esixencia de que a propia consellaría tivese representación nos tribunais de selección. Doutra beira, a constatación da necesidade de profesionalización dos servizos, era outra clave na que se prometía avanzar, introducindo a recomendación de que un técnico de grao medio ou superior fose encargado de cada brigada, e afondando nos procesos de formación do persoal apagalumes. Son xustamente os tres puntos que o PP analiza no seu documento interno como as tres diferencias do convenio que Medio Rural lle propuxo aos concellos e sobre o que recoñecen os populares que aparte diso "non existen grandes diferencias" co anterior.

Xa que logo, o PPdeG pediulles aos concellos que gobernan retrasaren a sinatura dos convenios con Medio Rural para a contratación das brigadas de extinción de incendios o máximo posíbel, co obxectivo de culpar o proceso administrativo da Xunta dos retrasos na creación de cuadrillas ante os posíbeis efectos dos lumes este verán. Así o desvelaba este luns a Cadena Ser logo de ter acceso a unha circular enviada pola dirección provincial do PP na Coruña con data do 22 de xuño na que se propón unha estratexia "de dilación" das sinaturas para transmitirlle á opinión pública que os concellos do PP están dispostos a colaborar "a tope" na loita contra os lumes, pero que "a lentitude da Xunta e as variacións introducidas nos convenios alongan os procedementos e provocan retrasos de máis de dous meses con respecto a outros anos no funcionamento das cuadrillas".

No documento filtrado á Cadena Ser, e ao que tamén accedeu Vieiros, recoñécese que "non existen grandes diferencias" cos anteriores convenios realizados polo PP, polo que non teñen "a suficiente entidade para xustificar unha decisión xeral dos concellos do PP de non asinar os convenios, sobre todo pensando en que se houbera, como o ano pasado, moitos lumes, a Xunta tentaría responsabilizar o PP ante a opinión pública por esta decisión". Polo tanto, din, a estratexia que propoñen baséase "na dilación", pero non na negativa.

Vicepresidencia pídelle explicacións a Feijoo
Desde o PSdeG, o deputado Ismael Rego denunciou este luns que os populares arranxaron "unha estratexia perfectamente preparada para tratar de desgastar o goberno" e dixo agardar que o persidente do PpdeG, Alberte Núñez Feijoo, dea unha explicación sobre o acontecido. Polo BNG, o coordenador da executiva, Francisco Jorquera, denunciou que "aquí si que houbo unha trama para usar os alcaldes como ariete contra o goberno" e acusou aos populares de planificar unha "neglixencia deliberada e perfectamente calculada". Desde a dirección do PSOE, o secretario de Organización do partido, Xosé Blanco, pedíalle ao número dous do PP, Ángel Acebes, que "tome medidas contra os responsábeis desta falcatruada" e esixiu que a continuación sexa o presidente do PP, Mariano Rajoy, quen dea "todas as explicación necesarias sobre este escuro asunto".

Ao tempo, e logo de coñecer a existencia e contido desta carta, a vicepresidencia da Xunta comunicou que agarda "unha explicación" por parte do PP e de Alberte Núñez Feijoo sobre o contido do documento, que cualifican de "inconcibíbel nunha formación democrática, polo que supón de uso partidista das institucións, menosprecio e ataque á autonomía municipal" e cualifican a estratexia proposta de facer "politiquería da peor calaña" nun tema "tan serio e grave coma o dos incendios". Acusan o PP de usar os alcaldes "para poñelos ao servizo dunha estratexia partidaria".


0/5 (0 votos)