O Consorcio Audiovisual de Galicia e a Consellería de Cultura están a promover a difusión da curtametraxe cinematográfica galega a través do programa Curtas 03. Trátase dun proxecto de distribución que consta de dous catálogos de filmes, seleccionados previamente por un xurado; o primeiro está formado por once curtas e promociónase en circuitos galegos; e o segundo, consta de catro filmes con subtítulos en inglés e está destinado a proxectarse nos grandes festivais do exterior.
O catálogo para Galiza está conformado polos filmes 'A Subela' (Proavis); 'Meigallos, sombras e papas de arroz' e 'A escola das areas', ambas as dúas de IACE-Lúa Films; 'Ciclo' (Trisull, Filmanova, Produccións IJV); 'Taxia' (Dygra Films); 'Di algo' (Lorelei Producciones, Enigma, El Medano); 'Bobo Furcia' (Ciudadano Frame); 'O trasto' (Lorelei Produccións); 'As loiras prefírenos cabaleiros'(Vaca Films); 'Os Crebinsky'(Filmanova) e 'Trofeo' (Ibissa TV).
O catálogo II, que promociona unha selección de curtametraxes do primeiro catálogo a nivel internacional, quedou composto por: A Subela; Taxia; Meigallos, sombras e papas de arroz e Ciclo.
Segundo informa o consorcio, foron moitos os concellos e institucións que solicitaron información sobre o programa. Ata o momento, o primeiro catálogo exhibiuse nos certames máis importantes de Galiza: no Xociviga do Carballiño, no Festival Cine Europa de Compostela e no Festival de Cinema de Ourense. Tamén pasou pola Coruña e por Lalín. Queda previsto a súa emisión en Lugo e Ferrol, e en Vigo e en Pontevedra farase o pase en colaboración coa Universidade de Vigo nos campus correspondentes.
A nivel internacional, as curtas estarán presentes na Semana de Cine Galego en Bos Aires, entre o 4 e o 10 de decembro, e tamén confirmou a súa proxección a filmoteca andaluza.
Os catro filmes do catálogo de promoción exterior foron seleccionadas para participar na sección oficial do XI festival 'Cines de España e América Latina' de Bruxelas; e o Festival Corto Circuito de Nápoles (do 18 ao 20 de decembro) escolleu 'A Subela' e 'Taxia' para competir na sección oficial de curtametraxes europeas.
No vindeiro ano, Curtas 03 proxectarase en dous dos eventos máis importantes que se desenvolven en torno ás curtametraxes: en España no festival Cinema Jove de Valencia; e a nivel europeo no festival de Clermont Ferrand, que congrega as mellores produccións de curtametraxes internacionais.