Máis de seis horas de conversa ininterrumpida sen resultados concretos. A maratoniana xornada deste mércores en Monte Pío é quizais o exemplo máis ilustrativo do difícil que está a ser o nacemento do novo Estatuto de Galiza. Quintana, que foi o primeiro en falar ante os medios, adiantou que non había acordo entre as tres forzas. O preámbulo, onde se discute a identidade nacional de Galiza segue a ser o grande atranco que xa semella insalvábel. Feijoo non aceptou ningunha fórmula en que se recollera o termo nación. Tamén houbo diferencias claras arredor do status legal da nosa lingua. O PP non quere que se contemple o "deber" de coñecer a lingua galega. Anxo Quintana cre que a crispación política que existe en Madrid entre o PSOE e o PP ten boa culpa do desacordo; Feijoo e Touriño tamén compartiron parte desta idea. Non se agardan novas reunións dos líderes xa que non se albiscan posibilidades de acordo a curto prazo. A continuación debullamos as claves da xornada.