A televisión pública optará, igual ca TVE e TV3, por anuncios breves nos intervalos publicitarios.
A Televisión de Galicia vai eliminar na vindeira campaña electoral os tradicionais bloques de propaganda electoral gratuíta. No seu lugar, emitiranse spots -tamén electorais e de balde- de 30 segundos de duración que se repartirán nas pausas publicitarias habituais. Dende a CRTVG confirmaron a Vieiros que a cadea pública vai seguir a idea proposta por TVE e aprobada pola Xunta Electoral Central para modernizar o xeito de presentar a propaganda política.
A medida pretende aumentar a efectividade das mensaxes, ao tempo que evita a fuxida masiva de telespectadores durante a emisión dos longos bloques de propaganda electoral gratuíta. A iniciativa fora presentada polo presidente da Corporación RTVE como un "avance histórico" na comunicación política coa cidadanía.
Os medios públicos cataláns tomaron a mesma decisión, á que engadirán a desaparición dos bloques electorais estritamente minutados nos espazos informativos. No seu lugar, a información política ordenarase polo seu interese informativo e non polo número de escanos no Parlamento.