Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
INAUGURADA UNHA MOSTRA SOBRE O AUTOR EN LISBOA

Saramago cre que Portugal está "um bocado aborregado"

O Nóbel regresou ao seu país, recuperado da súa enfermidade e falou con moita claridade sobre a actualidade política e sobre si propio.

Redacción - 09:00 25/04/2008

José Saramago regresou a Portugal, despois da grave enfermidade que sufriu nos últimos meses de 2007, e fíxoo para ser homenaxeado. O Nóbel asisitiu á inauguración da exposición A consistência dos sonhos, que despois de pasar por Lanzarote no pasado ano, é agora presentada en Lisboa, nun formato ampliado, incluíndo documentación da Biblioteca Nacional de Portugal. A mostra poderá ser visitada até o 27 de xullo no Palacio da Ajuda, en Lisboa.

Saramago falou longamente cos medios de comunicación portugueses, amosando a súa preocupación polo que considera unha "falta de espírito crítico" en Portugal: "estamos un bocado aborregados. Talvez haxa necesidade de rever drasticamente certas políticas, mais creo que o máis urxente é a definición dun cidadán cuxa principal característica sexa o uso do espírito crítico". Saramago tamén revelou que en Lanzarote descubriu o portugués: "temos a lingua mais bonita do mundo, ela é o ar que respiramos".

O escritor falou igualmente sobre a súa saúde, revelando que chegou a pesar 51 durante a súa enfermidade e que agora recuperou doce: "sempre tiven este ar elegante. Non gustei de me ver como unha momia andante". Saramago foi totalmente sincero: "con 85 anos, sei que non vou vivir moito máis. Mais aquilo que me asusta é ter de deixar de traballar por non ter máis nada para dicir". E adiantou que está a escribir un novo libro: "polo que se pode observar, non estou mal. A cabeza funciona, o que é importantísimo. E estou a escribir un libro".

Sobre a exposición, felicitou aos organizadores, pois a mostra "dá-me a idea de que teño unha vida coherente, aínda que ser coherente non sexa unha calidade", e engadiu: "hai que preguntarse: coherente en que? Un asasino en serie é coherente, os que revolucionan a economía do mundo son coherentes, mais eu chamaríalles ladróns".


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: