Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ENQUISA DE CONDICIÓNS DE VIDA DAS FAMILIAS 2007

As mulleres lideran o uso de novas tecnoloxías entre a poboación menor de 40 anos

O estudo do Instituto Galego de Estatística segue a amosar unha fenda dixital entre mocidade e xente maior e entre a Galiza occidental e a oriental.

Redacción - 19:05 30/04/2008
Muller usando un ordenador portátil

Muller usando un ordenador portátil

A enquisa de condicións de vida das familias correspondente ao ano 2007 e elaborada polo Instituto Galego de Estatística, inclúe un apartado específico dedicado á relación da poboación do país coas novas tecnoloxías. A nivel xeral, o estudo amosa un amplo uso da telefonía móbil (do 67,10% da cidadanía galega maior de 5 anos), mais non tan alto do computador (40,80%) e de internet (32,45%).

Por sexos, a nivel xeral os homes usan as novas tecnoloxías en maior medida cás mulleres, cun 71,08, un 43,57 e 34,36 en telefonía móbil, computadores e internet nas persoas de sexo masculino fronte ao 63,41, 38,23 e 30,69 das de sexo feminino. Porén, isto débese principalmente polo avellentamento da poboación. Entre os menores de 40 anos, as mulleres superan aos homes en todos os tramos de idade e en todos os usos de tecnoloxías analizados, coa única excepción dos móbiles de 20 a 29 anos e dos computadores de 5 a 14 anos, en que os homes son usuarios lixeiramente preferentes.

De todos os grupos de idade, os principais usuarios de internet e de computadores son as persoas de entre 15 e 19 anos, co 69,78 e o 86,69%, respectivamente, aínda que na telefonía móbil son superados polo grupo de idade inmediatamente superior, as persoas de 20 a 29 anos, das que menos do 5% prescinde do móbil. No outro estremo están as persoas maiores de 55 anos. Aínda que o móbil está estendido entre o 37,65% das persoas destas idades, só o 7,96% fai uso do ordenador e apenas o 5,85% emprega a internet.

Se nos fixamos na distribución territorial dos usuarios, as provincias occidentais están por diante das orientais, cunha diferenza de arredor de dez puntos. Por exemplo, no uso de internet, a porcentaxe de usuarios coruñeses e pontevedreses é de 34,71 e 34,63, fronte ao 25,63 e o 25,91 de Lugo e de Ourense.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: