Durante tres días presentaranse ferramentas sobre a lingua e analizaranse aspectos como a alfabetización dixital.
Pazo da Cultura de Carballo
As tecnoloxías da información tamén poden contribuír á normalización da lingua. Por iso, do martes 15 ao xoves 17 terá lugar en Carballo o curso de verán 'Traballando en lingua', sobre novas tecnoloxías e dinamización lingüística, que organiza o SNL da Universidade da Coruña co apoio do Concello de Carballo, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua e a Deputación da Coruña.
Nas xornadas trataranse temas como a alfabetización tecnolóxica, a implantación das TIC en Galiza, o software libre, os recursos sobre o galego na rede ou as tecnoloxías lingüísticas. Participarán como relatores máis de 20 expertos de Cataluña, Estremadura e Galiza, para un alumnado formado por 60 persoas.
Inaugurarán o curso o delegado provincial de Industria, Xosé Luís Barcia, e mais Antonio Pérez Casas, que falarán da alfabetización tecnolóxica e do alcance das TIC en Galiza, o martes 15 ás 11 da mañá, no Pazo da Cultura carballés.
Na derradeira xornada da actividade participará parte do equipo do filme Pradolongo, que se proxectará ás 22:30 na Praza do Concello de Carballo.