"Levará tempo". Así confirmaba o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que non hai cambios na posición do goberno español ao respecto da demanda unánime do Parlamento en Galiza para a reforma dos mecanismos de voto na emigración. Da xuntanza de Pérez Touriño co presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, non saíron cambios sobre a posición manifestada esta mesma semana no Congreso pola vicepresidenta María Teresa Fernández De la Vega, quen engadiu escusas á ralentización da reforma.
Malia insinuar que "non se descarta ningunha posibilidade", Touriño evitou ser preciso á hora de opinar sobre se os emigrantes votarán en urna nas próximas eleccións galegas. "A factibilidade marcaraa a propia capacidade do calendario lexislativo", dixo o presidente, xustificando a ralentización na suposta complicación da reforma da Lei Orgánica de Réxiem Electoral. De todos os xeitos, teimou Touriño en que "a vontade está aí". Alén dos prazos, o presidente do Goberno dixo estar satisfeito polo feito de que exista a vontade de que no futuro o goberno español adopte medidas para darlle ao voto na emigración garantías de "maior transparencia e protección".
Sen novidades co calendario do TAV A outra gran prioridade anunciada por Touriño para esta xuntanza, a alta velocidade ferroviaria Galiza-Madrid para 2012, remata sen compromiso claro para acelerar os traballos e garantizar os prazos.
"Pódolles anunciar a culminación e a garantía plena dese proxecto para que Galiza o poida gozar, tocalo e servirse del no ano comprometido, en 2012", insistía Pérez Touriño á saída da reunión. Con todo, na práctica Zapatero e Touriño só coincidiron que alén doutras eventualidades toda a obra do TAV debe ser licitada e quedar contratada ao longo de 2009, unha prioridade que xa estaba na axenda e que, tal e como teñen sinalando sindicatos e empresarios, non garantiza o cumprimento do horizonte 2012. A clave estaría ademais en que as burocracias vaian acompañadas dos orzamentos que confirmen que os traballos se realizarán con normalidade. A situación alimenta as especulacións de BNG e PPdeG sobre a falta de compromiso e as críticas sobre un posíbel aprazamento coa escusa da crise económica, que chegaría en 2009 a un dos seus picos.
Así e todo, haberá foto de Zapatero e Touriño a finais de agosto a pé das vías de alta velocidade. Ademais, e mentres queda no caixón a petición dunha comisión de seguimento das infraestruturas onde teñan voz as principais formacións políticas do país, Zapatero ofreceu en troco que a ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, se reúna cada tres meses co presidente da Xunta. Unha fórmula que Touriño aceptou por entender que "é a máis áxil, máis directa, a máis executiva e a que se produce no máis alto nivel e co maior nivel posíbel de responsabilidade". Pendentes, os treitos entre Ourense e Zamora (seis entre Ourense e Lubián e tres entre Lubián e Zamora), un total de 140 quilómetros, que o propio Touriño cualificou como "fundamentais" para que o TAV sexa realidade en 2012.