Na zona do rescate atopáronse varios fardos de plástico, posibelmente con droga. A embarcación fora avistada a 22 millas de Touriñán.
O helicóptero Pesca I atopou fronte á costa de Corrubedo a primeiras horas da tarde do venres os tres tripulantes dunha embarcación avistada pola mañá á valga a 22 millas do Cabo Touriñán. Segundo informou Salvamento Marítimo, os tres homes están "nerviosos e con síntomas de hipotermia".
Unha embarcación alertou sobre as 8:40 da mañá do avistamento dun barco que aboiaba á valga e sen tripulación. A lancha, de entre 7 e 8 metros de eslora, semiríxida, con varios motores e de cor gris, foi remolcada ao porto de Camariñas por unha embarcación de Salvamento Marítimo, arredor das 15:30 horas.
Pola mañá, o avión Rosalía de Castro avistou varios vultos fronte á costa de Corrubedo, que resultaron ser fardos de plástico verde e marrón, un chaleco salvavidas e resto dunha embarcación. O helicóptero Pesca I desprazouse á zona para buscar posíbeis tripulantes, que apareceron a primeira hora da tarde.
Mentres os rescatados eran trasladados ao aeroporto de Peinador, a Garda Civil iniciou unha investigación, pois os fardos aparecidos poderían ser procedentes do narcotráfico. As mesmas forzas de seguridade levaban "varios días" buscando o barco, que xa causara unha alerta por avistamento á valga hai dous días.