Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DE GALIZA A CHINA

Guillermo Aymerich, o pintor viaxeiro

O artista, afincado en Beijing, expón en Vigo e en Santiago de Compostela a súa obra máis recente, unha mestura do sentimento artístico chinés e do galego. Vídeo no interior.

Redacción - 10:00 05/04/2009

Bretaña, os Alpes Bávaros, os Balcáns, Brasil, Nova York, Porto Rico, a República Dominicana... e agora China. Os diferentes destinos que acompañaron a vida do artista lalinense (aínda que compostelán de nacemento) foron deixando pegada na súa traxectoria pictórica, unha obra xa recoñecida e que agora recala nos xeitos e nas formas chinesas. Alí, en Beijing vive o artista dende hai tres anos por períodos de oito meses anuais. E de alí, dos seus códigos propios xorden as últimas composicións de Guillermo Aymerich, que se poden visitar na sala viguesa Galería-PM8. Ao tempo, outra mostra expón unha Recolecta do seu traballo máis recente, que se pode visitar na sala compostelá c-5 Selección.

O propio Aymerich defínese como un pintor viaxeiro, ao xeito do artista cazador: "escollo un lugar no mapa e viaxo cara el; unha vez alí estou atento aos estímulos que me ofrece", explica. Desa vixiante mirada nace a mestura entre "o sentimento galaico" e o chinés e de aí a súa obra: "non estou interesado en facer arte local como se fai naquel lugar ao que viaxo; estudo os códigos locais, compároos, contrasto e mesturo coa nosa realidade", explica.

Vella verdura: Viridis
En Vigo, Vieiros compartiu con Aymerich a montaxe da súa última exposición (ver vídeo), un escenario no que novamente xoga cos formatos, cos materiais, cas paisaxes, cos contrastes. Ofrécenos aquí unha mostra desa mestura das concepcións artísticas chinesa-galaica: o xogo co negro e o branco, a vexetación, o contraste entre o baleiro e o cheo, a verdura... poñen a nota galega; mentres, as paisaxes, os cabelos, as mulleres, a vexetación... poñen a nota chinesa. Na mostra, exhibe cinco series: Tocador de chinas, Floresta oculta, Plegaria, Chocolatinas quemadas e Xiao La Lin. De aí o nome que engloba toda a mostra, Vella Verdura: Viridis, que conxuga o verde (etimoloxía latina de "viridis") co vigor, a potencia, o crecemento. Os dobres sentidos non faltan nas propias palabras: un exemplo é Xiao La Lin, título que parte dos significados de La e de Lin en chino (picante) e das primeiras letras do tecido galego (la e liño), ademais de converterse no topónimo da vila do Deza (Lalín).

Recolecta
A obra que Ayemrich expón en Santiago recibe o nome de Recolecta e obedece á dobre acepción que ten o termo: "escolma e colleita". Nunha mesma liña, o autor ofrécenos unha colección ordenada tematicamente na que se inclúen verdes, orgánicos e vexetais. Así, os xéneros e os formatos fusiónanse novamente para constituír unha suxerinte diversidade conceptual e formal, a través dun total de dez series realizadas en diversos paraxes (Galiza, Bretaña, o Cabo de Gata ou a propia China).

Futuro
O futuro inmediato levará ao artista a marchar en breves novamente para Beijing. Alí ten traballo pendente, nun país no que sente que a súa obra é comprendida: "os chineses identifícanse parcialmente porque ven unhas formas que recoñecen, mais mesturadas con algo novo". A súa opinión sobre Galiza non é diferente, Aymerich séntese aquí recoñecido do mesmo xeito, se cadra polo "carácter emigrante dos galegos", di, "que permite estar aberto á mestura". Do futuro máis a longo prazo nada sabe, "vou pular, iso seguro, mais non sei aínda onde".


Ligazóns

4,88/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo: Aymerich amósanos a mostra que expón en Vigo

Imaxe de Recolectas (Galería c5 Colección, Santiago de Compostela)
Imaxe de Recolectas (Galería c5 Colección, Santiago de Compostela)