Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Prepara novo libro para o outono

A esquerda política e sindical está "a durmir" ante a crise, láiase Saramago

O escritor e Nobel estivo na Coruña, onde volveu reivindicar a creación dun "Estado Íbero" unha idea que, segundo dixo, "gusta en Galiza", aínda que non en Cataluña.

Redacción - 12:30 04/06/2009
O escritor portugués e Nobel de Literatura, José Saramago

O escritor portugués e Nobel de Literatura, José Saramago

O escritor portugués e premio Nobel de Literatura, José Saramago, estivo esta cuarta feira na Coruña, para participar nos VI Diálogos Literarios organizados pola Fundación Carlos Casares no Pazo de Mariñán. Alí falou un bocado, non moito, do seu último libro, que publicará en outono; e criticou os partidos e os movementos sindicais de esquerda, dos que asegurou "non souberon estar á altura do acontecido", en relación coa actual crise económica mundial.

Saramago amosouse moi crítico coa actuación dos movementos da esquerda, sobre todo coas formacións políticas, das que dixo "non teñen ideas", acrecentando que, "se non as presentaron nunha situación crítica coma esta, dificilmente a presentarán noutras circunstancias". Tamén sinalou que, na súa opinión, estes feitos demostran que "a sociedade está durmida".

A reclamación do Estado Íbero e do recoñecemento a Torrente Ballester
Saramago tamén comentou cos xornalistas que asistían á súa conferencia de prensa, pequenos detalles sobre o seu vindeiro libro, que se publicará en outono -como que xa tiña o título, antes de escribir a primeira palabra-, e criticou a censura que se lle fixo a O Caderno de Saramago en Italia.

O Nobel portugués tamén se declarou admirador da obra de autores galegos coma Álvaro Cunqueiro e Manuel Rivas, e reivindicou un recoñecemento á figura de Gonzalo Torrente Ballester, dicindo que "España aínda non fixo xustiza" á obra do escritor ferrolán.

A seguir, Saramago tamén volveu a unha das súas vellas teimas, a reivindicación dun Estado Íbero, conformado polo Estado Español e Portugal, unha idea á que describiu "como historicamente lexítima". Porén, o escritor portugués admitiu que non só no seu país, senón tamén no Estado Español hai receos "ante un posíbel desequilibrio entre autonomías". "Ao mellor a Cataluña non lle gustaría, pero a Galiza si", concluíu, referíndose á relación do noso país con Portugal.


4,2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: