Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Despois das protestas dos colectivos LGBT

Obama “dá un paso, pero nada máis que un paso” para equiparar os dereitos dos homosexuais

O presidente dos EUA presentou un memorando que amplía o apoio do goberno ao funcionariado composto por homosexuais e lesbianas.

Redacción - 08:00 18/06/2009
Cartaces contra Obama nunha recente manifestación do colectivo homosexual nos EUA

Cartaces contra Obama nunha recente manifestación do colectivo homosexual nos EUA

Ante as presións por parte da comunidade homosexual dos EUA, que reiteradamente expresou a súa frustración ao non contar cos mesmos dereitos que os heterosexuais, o presidente Barack Obama abriu un chisco a man. Na cuarta feira (madrugada da quinta en Galiza), Obama deu "un paso na historia, pero nada máis que un paso", segundo as súas verbas, na equiparación dos dereitos dos gais e lesbianas aos do resto da sociedade, introducindo un memorando que garante a extensión dalgúns beneficios federais ás parellas dos funcionarios e funcionarias homosexuais.

O texto inclúe o seguro de coidados a longo prazo ou a asistencia aos servizos médicos das misións no estranxeiro, entre outras cousas; mais nada se fala dos beneficios sanitarios, nin tampouco do acceso ao sistema de pensións. Polo seu lado, o funcionariado homosexual poderá gozar de tempo libre, no caso de doenza da parella, e tamén se terá en conta a situación sentimental do funcionario ou funcionaria para concederlle unha axuda para vivenda, no caso de que cumpra a súa misión no estranxeiro.

Un pequeno paso, de moitos que fican por dar
Alén disto, a Administración Obama tamén está a estudar a derrogación da lei que estabelece que os homosexuais que están alistados no exército dos EUA non poden falar da súa tendencia sexual abertamente. Obama considerou "discriminatoria" esta norma que data do 1993 -mandato de Bill Clinton-, dende cuxa aprobación os mandos do exército non preguntan aos soldados se son homosexuais, e estes tampouco poden dicirllo abertamente.

Porén, aínda falta dar un dos pasos que os colectivos LGBT consideran imprescindíbel: a derrogación da Defense of Marriage Act (Lei de Defensa do Matrimonio), coñecida polo seu acrónimo DOMA, e que, aprobada en 1996, foi amparada recentemente por Obama. Esta norma impide que as parellas do mesmo sexo casadas en Estados onde o matrimonio entre homosexuais é legal, poidan beneficiarse de iguales dereitos federais que as unións entre unha muller e un home.

A noticia noutros medios de comunicación:


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: