Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Sen un marco lexislativo concreto

Narcopropiedades confiscadas quedan anos enleadas en burocracias

Ao Congreso chegou esta semana unha proposta do BNG para unha reforma que facilite o destino destes bens a políticas sociais.

Redacción - 13:30 30/06/2009
O Pazo de Baión (do narco Oubiña) foi adxudicado á cooperativa Condes de Albarei, que impulsa tamén alí un proxecto de reintegración de drogodependentes

O Pazo de Baión (do narco Oubiña) foi adxudicado á cooperativa Condes de Albarei, que impulsa tamén alí un proxecto de reintegración de drogodependentes


A proposición non de lei sobre a necesidade de estabelecer unha regulación sobre os bens e propiedades confiscados ao narcotráfico foi presentada no Congreso pola deputada pontevedresa do BNG, Olaia Fernández Davila. O asunto chega este martes a debate na comisión mixta para o Estudo do Problema das Drogas, nunha xuntanza que terá lugar desta volta no Senado.

De xeito concreto, a representante do Bloque propón que a esixida reforma garante que estas propiedades incautadas no marco das operacións contra o narcotráfico sexan posteriormente destinadas ao financiamento ou apoio de políticas sociais e, especialmente, de todas aquelas vencelladas a proxectos de apoio a persoas con drogodependencia e en proceso de reinserción. Na opinión de Fernández Davila sería recomendábel que se crease por un lado un depósito xeral de bens confiscados ao narcotráfico (cuestión que a propia Fiscalía Antidroga ten mencionado) e por outra parte que un órgano especializado tivese o encargo de administrar eses bens e propiedades. Ambas as dúas iniciativas irían inseridas no marco dunha regulación específica sobre a xestión e destino destes bens.

Na situación actual, a elevada incautación de propiedades (pazos, apartamentos, barcos...) que tivo lugar nos últimos anos en Galiza, permanece nun estado de "esquecemento e abandono", segundo denuncia a deputada galega na súa argumentación. Interpreta Davila que a saturación e a falta de decisión por parte dos xulgados estarían entre as causas desta situación. Entende ademais a voceira do BNG que a tramitación burocrática e xestión destas propiedades é "complexa" pero, insiste, debido ao actual baleiro legal, de existir regulamento específico para os propios xuíces sería máis doado actuar nestes casos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: