Fanse 25 días de folga, mais dende o venres a unidade sindical está rota. Mentres, nin mediadores nin patronal volveron facer unha outra oferta.
Os delegados de CCOO decidirán esta segunda feira nunha asemblea, que está previsto comece ás 09h00, se apoian a desconvocatoria temporal da folga do sector metalúrxico da provincia de Pontevedra -iniciada de forma indefinida fai case un mes-, sumándose así a UXT, que o pasado mércores xa se desmarcou do paro.
Pola súa banda, a CIG aprazará a súa decisión até coñecer o resultado desa asemblea, e desenvolverá asembleas tamén nos centros de traballo para analizar a situación do conflito, en función da postura que adopte CCOO. Neste sentido, o responsábel de Negociación Colectiva do sindicato nacionalista, Antolín Alcántara, lembrou que, xuntos, CCOO e UXT teñen a maioría da representación no sector, polo que se ámbolos dous sindicatos defenden unha "tregua" no conflito, a folga podería ter "problemas de legalidade" no caso de que fose defendida só pola CIG, ao ser presentada a convocatoria no seu día polas tres centrais.
No entanto, os responsábeis sindicais manifestáronse publicamente a favor de recuperar a unidade de acción, unha vez pasada esa tregua temporal, porque a negociación do convenio colectivo segue sen chegar aínda a unha solución. Así, dende que o pasado 30 de xuño os sindicatos lle expuxesen aos mediadores da Administración o rexeitamento á súa proposta de incremento salarial, non volveu a reunirse a mesa negociadora.