Mentres, os asistentes á mostra outorgaáronlle o premio do público a 'Ariadna' da compañía Atalaya Teatro.
O xurado do da cuarta edición do premio Abrente de Textos Teatrais decidiu, por unanimidade, declarar deserta a convocatoria de 2009 ao considerar que ningunha das catorce obras presentadas reúne a calidade suficiente para a concesión dun premio que pretende servir de aliciente á creación dramática, consonte ao espírito de innovación e fomento de novas voces para a escena en lingua galega, como foron aqueles Concursos de Textos Teatrais Abrente (1973-1981). O xurado estivo presidido polo alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco Jorge e integrado por Rubén Ruibal (dramaturgo), Comba Campoy (actriz), Carlos Losada (dramaturgo), Anxo Collarte (concelleiro de cultura de Ribadavia) e Roberto Pascual (director da MIT).
Pola súa banda, os asistentes á mostra outorgáronlle o premio do público a Ariadna da compañía Atalaya Teatro. A compañía sevillana foi recoñecida en 2008 co Premio Nacional de Teatro "pola creación dun espazo orixinal de exhibición, produción, formación e reflexión teatral, resultado dunha longa traxectoria profesional".