 
Falamos coa cubana Yanelis Velazco Fajardo, autora do ensaio 'Xosé Vázquez Pintor: la memoria que reconstruye un mundo', e pregoeira do evento literario melidao.
 
											Xosé Vázquez Pintor
A vinculación da cubana Yanelis Velazco Fajardo con Galiza, paradoxalmente, non lle vén de sangue como sucede con moitos outros habitantes da illa caribeña, aínda que tampouco o descarta: "Que cubano non ten un devanceiro galego!". 
  
Hai 15 anos que esta profesora da Facultade de Artes e Letras da Universidade da Habana entrou en contacto coa nosa cultura. Sendo estudante matriculouse nos cursos que impartía a Cátedra Galega e coñeceu os autores canónicos primeiro -"Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, ..."- e xa logo, os contemporáneos. 
  
O descubrimento de varios poemas de Xosé Vázquez Pintor, os de tres libros en concreto -Ofidios de diario, Na vertical da noite e Rotación violeta-, foi o que a levou a se decantar polo escritor melidao para a súa tese. 
  
"Atraeume o discurso permanente da memoria na súa obra, da memoria que el identifica con Galiza. A miña profesora pensaba que estaba media tola por elixir un escritor do que lera só uns cantos poemas", comenta Yanelis. 
  
Mais conseguiu que dende a outra beira do Atlántico se lle mandase a bibliografía de Vázquez Pintor, dentro do intercambio cultural que a emigración se encargou de manter durante moitos anos. O ensaio Xosé Vázquez Pintor: la memoria que reconstruye un mundo, editado pola Universidade da Habana e a Cátedra Galega, recolle o seu traballo. 
  
Presentouse en febreiro do 2008, durante a Feira Internacional do Libro da Habana. A autora valora moi positivamente o paso de Galiza polo evento literario, un dos máis recoñecidos internacionalmente e que -asegura- permitiu que en todas as bibliotecas da illa haxa algunha obra en galego. 
  
"Galiza -afirma- foi o máis xeneroso dos países convidados. É a sensación que quedou entre os cubanos". Non podería ser doutro xeito dados os "vínculos culturais, os vínculos entrañábeis" que unen os dous pobos. Neste senso, considera que a Feira do Libro da Habana serviu para reforzar ese "diálogo permanente", dentro dunha "historia común indisolúbel".   
  
Os lazos son moitos. Os seus persoais tamén a 'atan' a outros autores do noso país como María do Cebreiro, á que prologará un seu poemario editado pola Cátedra Galega dentro da colección Camiño sobre o charco. 
  
Con 33 anos, Yanelis -"unha mociña de alén do mar", como lle di Vázquez Pintor- é autora de varios ensaios sobre literatura cubana e galega, publicados en diversas revistas de poesía como La Jiribilla, La siempreviva ou La letra del escriba. E este sábado será a encargada de pregoar a Feira do Libro de Melide, do que lles ofrecemos o programa a continuación:   
  
  
II FEIRA DO LIBRO NO CAMIÑO DE SANTIAGO - MELIDE 2009 
  
SÁBADO, 1  DE AGOSTO 
  
10.30 h..   Inauguración da II Feira do Libro Camiño de Santiago 
  11.30 h..  Actuación da agrupación A Maristela 
12.00 h.   Pregón a cargo de Yanelis Velazco Fajardo 
  13.00 h.   Conferencia de Carmen Blanco: Rosalía escritora, integral, polifónica, universal 
  17.30 h.   Apertura da feira 
  17.45 h.   Pregón para rapaces e rapazas con Heidi Kühn-Bode 
  18.00 h.   Obradoiro de teatro para rapaces e rapazas con Heidi Kühn-Bode 
  18.30 h.   Entrega de premios do II Concurso de Artes Plásticas-Melide 2009 
  19.30 h.   Títeres Cachirulo: Do, Re, Mi, Mozart xoga aquí 
  21.15 h.   Sorteo de libros 
  22.30 h.   A compañía de teatro Volta e Dálle representa a obra Pan, catro propostas arredor da malla. Este espectáculo é para adultos. Lugar praza do Convento.   
  
  DOMINGO, 2 DE AGOSTO 
  
10.30 h.   Apertura da feira 
  12.00 h.   A escritora melidá Inma López Silva asinará  libros da súa autoría na carpa da feira   
  13.00 h.   Conferencia de Santiago Jaureguizar: Todo o que sempre quixo saber sobre a literatura e que ninguén lle contou 
  17.30 h.   Apertura da feira 
  17.30 h.   Obradoiro de ilustración con Marisa Irimia 
  19.00 h.  Encontro  co escritor e investigador melidao Carlos Parrado,  autor do libro: Curuxás, o guerrilleiro que non cazou Franco 
  20.00 h.  Presentación do libro 'A terra do medio', do escritor melidao Xosé Vázquez Pintor 
  21.15 h.  Sorteo de libros 
  21.30 h.  Peche da feira cun recital de poesía e música co poeta Juan Carballo: A casa do poeta
 
						 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto