Anunciada polo PP, xa antes de coñecérense os datos, como unha das escusas e chanzo previo para a derrogación do decreto sobre o galego no ensino, a cuestionábel enquisa deixa máis interrogantes que aclaracións.
Os resultados da enquisa feita pública este venres achegan uns datos que, á luz da orixe da iniciativa, a formulación concreta e o proceso "lento" e "sen transparencia", escaso valor teñen segundo coinciden en valorar desde a comunidade educativa. Organizacións sindicais, movementos de renovación pedagóxica, equipos de normalización, asociación de nais e pais... Ducias de voces se pronunciaron desde hai semanas en contra da chamada 'consulta ás familias sobre a utilización das linguas no ensino non universitario de Galicia'. Unha iniciativa prometida polo PP aos colectivos contrarios á normalización lingüística, crecentemente fortes no contorno deste partido, e levada adiante pola Consellaría de Educación, que semellaba buscar unha peza máis, feita a medida, que servise de escusa para a derrogación do decreto sobre o galego no ensino.
Máis dun cento de equipos directivos de centros de ensino do país asinaban o pasado mes de xuño unha declaración onde afirmaban non ter dúbida á hora de definir esta enquisa: "Chapuza xurídica".
Peneirado o documento que a consellaría redactou para que nais e pais respondesen, os directores advertían do "tendencioso" do inquérito. "Está feito para impedir expresar a vontade dos que están a favor do ensino en galego", laiábanse. Segundo os responsábeis dos centros, á luz do proceso, semella que a única razón foi atopar un xeito de "xustificar a involución na normalización lingüística". O propio feito de que só os pais que neste momento teñan alumnado escolarizado fosen convidados a participar era unha das críticas. "O sistema educativo, como servizo público, é unha cuestión que lle afecta ao conxunto da sociedade", recordaban nunha asemblea convocada pola CIG-Ensino.
"Perverso" uso da administración
"É fraudulenta desde a súa mesma concepción e perversa desde o uso que se lle outorga ao concepto democracia para conseguir un obxectivo definido de antemán, procúrase que o resultado dea pé e sustento a unha modificación normativa de rebaixa no uso do galego no ensino", expoñían desde o movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega (NEG) ao respecto desta enquisa enviada ás familias dos escolares.
Preguntábanse desde este colectivo se a Xunta descoñece os principais indicadores sobre uso e presenza do galego no ensino xa existentes e queixábanse da pretensión de delegar a obriga de dotar o sistema educativo dos contidos curriculares oficiais "tomando como referente substantivo a opinión das familias recollida nesa pseudoconsulta". "É sensato focalizar a nova armazón lexislativa, anunciada con perspectiva de consenso e de continuidade, cunha fotografía do 2009, realizada nun momento de especial confrontación sobre a lingua?", advertían.
A "enquisa trampa", tal e como a definían desde a CIG-Ensino, abría ademais un inédito enfrontamento coas aulas ao negárselle ao profesorado informar a familias e alumnado sobre o debate e as posicións e daren a súa opinión ao respecto. Outro exemplo, queixábanse desde a formación sindical, do uso "partidista" e da "censura" que rodeou esta "consulta amañada".
Opcións deseñadas para recortar o marco legal vixente
Por outro lado,CIG-Ensino, STEG, UXT, CCOO ou a Coordinadora de Equipos de Normalización, entre outros, subliñaron tamén entre outras argumentacións contra esta enquisa o revirado da súa formulación aos pais. Así por exemplo,no que lle toca ao uso ambiguo da referencia ás chamadas "materias troncais". O inquérito evitaba ofrecer a posibilidade de optar por un ensino completo en galego "e si existe na práctica a opción de optar por un ensino todo en castelán".A opción que por exemplo para Infantil ou FP ofrece o casilleiro "todo en galego", refírese estritamente ao que xa recolle o decreto en vigor. É dicir, calquera outra resposta é en si mesma unha escusa para un retroceso sobre o marco legal vixente. "É esta a tan proclamada liberdade lingüística?", ironizan desde NEG.
Por outro lado, chama a atención o profesorado sobre o propio paradoxo que implica falar de "troncais" para o treito de Educación Primaria. "Descoñecen que nestas etapas teñen unha importancia vital áreas que para eles parecen ser de segunda categoría?", lémbranlle á consellaría, preguntándolle tamén que pasa cos demais contidos de Infantil que non son de lectoescritura. "Ignoran as propias leis educativas que sinalan as competencias como eixes curriculares e a globalización necesaria nestas etapas?", inquiren, para concluír que, tamén, desde un punto de vista estritamente pedagóxico, a Consellaría de Educación elaborou unha enquisa completamente "indefendíbel".