O voceiro do Bloque no Congreso, Francisco Jorquera, rexistrou unha proposición non de lei na Cámara Baixa, instando o executivo estatal a fixar en Galiza a sede deste organismo.
Na súa interpelación ao goberno español Jorquera reclama para Galiza a sede da axencia de radiocomunicacións. Recorda o deputado galego en Madrid que o Parlamento aprobou en Galiza por unanimidade o ano pasado unha proposición que instaba á Xunta a se postular como sede deste organismo.
Ao respecto desta axencia, sinala que se trata dunha institución que terá "unha importante proxección internacional e que contribuirá a crear unha relevante infraestrutura de servizos relacionada coas Telecomunicacións e que repercutirá positivamente na xeración de empregos de alta cualificación". A demanda da sede para Galiza é ademais apoiada polas principais asociacións e organizacións de Telecomunicacións galegas.
Expón Jorquera que Galiza reúne as características "necesarias" para albergar esta Axencia. "Contamos con máis de 1.000 profesionais do ramo cunha elevada cualificación, e contamos cunha Escola Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación cunha grande experiencia na formación de titulados, é a terceira do Estado", argumenta.