"Dende hai meses trabállase nesa dirección, sábese que a caixa vai ir de baile", admiten desde a entidade madrileña.
Caja Marid estuda dende hai meses levar a cabo fusións, absorcións ou adquisicións totais ou parciais de activos dentro do actual escenario de reordenación do sistema financeiro, segundo informan fontes próximas ao consello de administración da caixa que preside Miguel Blesa. "Dende hai meses trabállase nesa dirección, sábese que a caixa vai ir de baile", porque o Banco de España coñece en profundidade a situación da entidade e Caja Madrid está aberta a estudar todas as propostas, sen descartar a posibilidade de adoptar un papel activo na reestruturación financeira, indicaron as mesmas fontes.
Non obstante, as fontes precisaron que, polo momento, a caixa madrileña non ten ultimada ningunha operación neste sentido, nin convocou polo momento ningún encontro extraordinario do consello de administración, que ten unha reunión ordinaria fixada para o próximo mes de setembro. Segundo a información que publicaba este luns El País, Caja Madrid baralla unha posible fusión coa alicantina Caja de Ahorros del Mediterráneo (CAM) e con Caixa Galicia, polo que elaborou un informe, que coincide cos plans do Banco de España de que tanto Caja Madrid como La Caixa capitaneen o proceso de reestruturación e saneamento financeiro.
Co poder interno en xogo
Pola súa banda, o diario El Economista sostén que Caja Madrid intenta unha fusión con Caixa Galicia co fin de manter a Miguel Blesa na presidencia, e despois de fracasar no seu primeiro intento de absorción de Caixa Catalunya. Ante estas informacións, fontes oficiais de Caja Madrid recordaron que, tal e como informou a caixa na presentación de resultados semestrais, a entidade non descarta iniciar un proceso de fusión se a operación que se presenta ten sentido económico, pero si rexeita levala a cabo para frear o seu proceso electoral.
Neste sentido, fontes sindicais indicaron a Europa Press que a caixa non informou os traballadores de ningún proxecto de fusión e vincularon as informacións nesta dirección á intención dalgúns conselleiros da caixa de paralizar os procesos de renovación.