O BNG acusa o PP de gastar no cambio de carteis das galescolas no canto de dotalas de máis medios. Os populares retrucan que "escandaloso" fora o gasto do bipartito.
"Prefiren o ensino privado". Así resumía este martes o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, o que cualificou de "cruzada" do PP "contra o ensino público". "Deberan apostar de verdade pola educación pública de 0 a 3 anos", reclamou o deputado nacionalista, ao tempo que denunciaba a falta de dotación de medios coa que, asegurou, comezará o curso en Galiza nesta etapa.
Denunciou Aymerich que un total de 40 centros de infantil cuxas obras o bipartito deixou finalizadas non abrirán co inicio de curso o mes que vén debido a que non teñen dotación de medios. "Non foron quen de crear nin unha soa praza máis en escolas infantís públicas", reprochoulle á nova Xunta o voceiro do Bloque. Xa que logo, só serán unha ducia de escolas deseñadas polo anterior Goberno as que abran portas proximamente e só cinco delas de nova creación. Defendeu Carlos Aymerich que durante a etapa do bipartito o número de prazas na rede pública de infantil "multiplicouse por cinco".
"Insulto colectivo"
"Prefiren derivar os cartos a cambiar a sinalética pola Galiña Azul", censurou o representante do BNG, para quen a teima do PP "contra o galego" vai da man "doutra cruzada: a da eliminación das prestacións públicas a todos os niveis". Mentres, recordou Aymerich, "gastan cartos para subvencionar colexios privados que segregan nenos e nenas, e iso si é adoutrinamento". "E sen embargo, para abrir novos centros, dotación de servizos como máis comedores, persoal ou ampliar a prestación da gratuidade dos libros non hai orzamento", denunciou.
Á beira del, o tamén deputado nacionalista Bieito Lobeira anunciou que o BNG levará o asunto ao debate parlamentario e criticou que o PP "fale tanto de austeridade e non a practique nesta iniciativa". Lobeira cualificou o cambio das galescolas á chamada "Galiña Azul" de "insulto colectivo nada inocente". "Só agocha a intención de eliminar calquera vestixio do paso do nacionalismo polo Goberno", afirmou. "A Galiña Azul non é a do conto de Carlos Casares senón un cruce híbrido entre a aguia franquista e a gaivota do Partido Popular", engadiu o deputado do Bloque, censurando que se "estigmatiza a lingua e a simboloxía galega, facendo asociar o galego na escola como politización e a bandeira como adoutrinamento".
O PP insiste en que o BNG "practicou a imposición da lingua"
"Os únicos que se esforzaron en exterminar o galego foron os do BNG coa súa política de imposición, cuxo resultado é un descenso do uso da nosa lingua que a nova Xunta vai corrixir desde a liberdade e o respecto aos cidadáns", retrucou na mesma xornada o voceiro parlamentario do PPdeG, Manuel Ruíz Rivas.
O deputado barbanceiro do PP asegurou ademais que o anterior Goberno "creou pouco máis de setenta das cen escolas que prometera". "E unha terceira parte eran de titularidade municipal de concellos que se adheriron ao Consorcio e moitas das restantes foron creadas con financiamento xa previsto pola anterior Xunta do PP", asegurou Rivas.