 
Boa parte das axudas á rehabilitación de vivendas e do patrimonio etnográfico dedicaranse ás rutas xacobeas.
 
											O conselleiro de Cultura e o de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas presentaron este luns dous plans de protección e posta en valor do patrimonio ligado ao Camiño de Santiago. Un deles prevé o investimento de 2,9 millóns de euros entre este ano e o vindeiro para a restauración de espazos públicos e patrimonio etnográfico, no que se incluirán actuacións nas carballeiras. O segundo plan destinará 13 millóns de euros a subvencionar a rehabilitación de vivendas situadas nas vías de peregrinación. 
  O plan de rehabilitación de espazos públicos pretende poñer en valor prazas, lavadoiros, fontes e outros espazos comunitarios do Camiño Francés. As intervencións buscarán “a integridade e unidade do territorio e da paisaxe e corrixiranse erros ou impactos producidos por actuacións sen control ou por un desenvolvemento pouco reflexionado”.   
  A actuación incluirá a rehabilitación de carballeiras á beira do Camiño, espazos particulares de relación comunal propios do país. O obxectivo é “concienciar sobre o valor desde patrimonio e reparar as agresións e transformacións sufridas”, cunha intervención que beneficiará nunha primeira fase a 12 conxuntos  no Camiño Francés que necesitan unha recuperación inmediata. Dos 2.9 millóns de euros previstos para o plan, a Xunta quere que o Ministerio de Fomento achegue 1,95 millóns por medio do 1% cultural. 
  Axudas orientadas ao Xacobeo 
O novo Goberno volve focalizar no Camiño de Santiago e o Xacobeo boa parte dos seus investimentos e axudas. Así, nos plans anunciados hoxe, a Xunta reformula liñas de subvención xa existentes na anterior lexislatura vinculándoas ao Camiño de Santiago. É o caso das axudas á rehabilitación de vivendas. Ás 45 áreas de rehabilitación existentes en Galiza, engadirase unha nova correspondente ao Camiño de Santiago para aplicar 5,8 millóns de euros en subvencións a un espazo que abarca 500 parroquias dos 111 concellos polos que transcorren os camiños.   
  A estas engadiranse as axudas correspondentes a vivendas situadas en conxuntos históricos, dentro das que se creará un fondo específico de 5,5 millóns de euros para conxuntos situados nas sete rutas xacobeas. Tamén as axudas dedicadas á conservación de hórreos, cruceiros, petos de ánimas, muíños e demais elementos etnográficos, existentes xa na anterior lexislatura, son anunciadas agora como dirixidas a patrimonio etnográfico á beira do Camiño de Santiago.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto