Dez anos despois do pasamento, a súa filla Elena busca apoios para que se faga en Galiza un centro que estude e difunda a súa obra.
O 1 de outubro de 1999 o pintor Manuel Colmeiro morría en Salvaterra. Unha década despois, a súa obra segue sen estar recollida nun catálogo razoado, que axude a valorar e promover o seu legado. “Xa pasaron dez anos, as intensións son boas, pero non vexo que arranque”, sinala a súa filla, a ceramista e escultora Elena Colmeiro. Ela comezou agora a ordenar as creacións e documentos do artista que permanecen en mans da familia, e está a buscar apoios públicos para que sexan organizados, estudados e difundidos.
Elena Colmeiro cúlpase repetidamente de non se ter dedicado antes a organizar o legado do seu pai, pero ten claro que é un labor que debe ir máis aló da familia, para implicar a organismos públicos. “Decidín deixar aparcado o meu traballo por un tempo para revisar papeis, escritos e fotografías e iniciar o camiño de cara a un catálogo razoado”. Quere sentar as bases dunha tarefa que deben continuar “equipos especializados”.
“A recuperación do legado de Colmeiro está aínda verde, require un traballo profundo”, sinala a súa filla. Explica que “a familia está disposta a ceder parte da súa obra”, pero cre que antes é necesario “estudar onde e como se pode depositar ese legado”. Con ese fin, nas próximas semanas viaxará a Galiza desde Madrid, onde reside, para iniciar conversas con institucións que poderían implicarse neste traballo de recuperación, aínda que non quixo confirmar de que entidades se trata.
Gravados inéditos
O legado en posesión da familia inclúe pinturas, libros, correspondencia... Elena Colmeiro destaca a existencia dun bo número de pranchas de gravado que permanecen empaquetadas tal como o artista as deixou á súa morte. “Creo que non se utilizaron todas as impresións, e pode que haxa algunhas pranchas que non se chegaron a imprimir nunca”.
A creación dun centro en Galicia depositario do legado do artista é o principal obxectivo da familia. Concíbeno como unha entidade viva, que estude o valor do traballo do pintor, pero tamén que lle faga chegar ese coñecemento á sociedade actual. “Agora mesmo está aparcado, e as novas xeracións non o coñecen o suficiente”, sinala Elena Colmeiro. Outra das funcións que debería ter ese centro é a certificación das obras do artista dezao. “É importantísimo formar xente que coñeza a fondo a súa obra para certificala, porque é un dos autores máis falsificados”, explica.
A casa que Colmeiro tiña en Costela, na parroquia de Margaride (Silleda), podería ser a sede dese centro, aínda que Elena Colmeiro non concreta cal será o futuro do edificio. Alí pasou o pintor longas tempadas en diferentes décadas nas que pintou os ambientes labregos que serían parte central da súa obra, e que o sitúan xunto a Laxeiro, Maside, Souto e Seoane entre os grandes renovadores da pintura galega do século XX, os chamados “Os Novos”.
Homenaxe en Silleda
No cemiterio de San Fiz de Margaride, onde se atopa o sartego que acolle os restos de Colmeiro, os veciños e coñecidos recordarano este xoves 1 de outubro. “A homenaxe do seu entorno é a máis sentida”, salienta Elena, que lamenta non poder achegarse por unha cita inamovíbel que a retén en Madrid. A Asociación Socio-Cultural Adellís organiza un acto á que esperan que se sumen xentes de todo o Deza, e na que participarán, entre outros, artistas plásticos da comarca como José A. Fondevila, Ramón Vázquez Barcala, Fernando Rodríguez e Marisa Miguélez.
“A súa obra está aí: é unha obra seria, pensada, valorada”, salienta Elena Colmeiro. “Que sexa un autor máis ou menos coñecido depende de como se traballe para difundila”, reivindica, para rematar afirmando que “hai unha conta pendente con Colmeiro”.