Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
María Xosé Bravo, concelleira de Cultura da Coruña

“O sector cultural necesita empuxe e visibilidade”

O 28 e 29 de novembro, Achegarte substitúe a feira galega das industrias culturais que a Xunta non financiou.

Moisés Álvarez - 09:00 16/11/2009
María Xosé Bravo na última edición do Culturgal

María Xosé Bravo na última edición do Culturgal

Hai un ano por estas datas, os sectores da cultura preparábanse para amosar o mellor da súa produción no segundo Culturgal, a feira galega das industrias culturais. O anuncio da Consellaría de Cultura e Turismo de que este ano non dispoñía de diñeiro para financiar este evento sentou como un xerro de auga fría no tecido cultural. Pero o Concello da Coruña non renunciou a volver celebrar esta feira pola que en 2008 pasaron 37 mil persoas.

A concelleira de Cultura da cidade, a nacionalista María Xosé Bravo, presentou a cita alternativa: “Achegarte”, que se celebrará o 28 e 29 de novembro. É un evento cun orzamento moito máis modesto, que resulta viábel grazas á colaboración de persoas, empresas e asociacións do mundo da cultura que tampouco queren pasar sen o seu gran escaparate. Achegarte é unha medida de urxencia tomada con grandes doses de entusiasmo, que espera amosar o mellor da produción cultural galega á espera de que o ano que vén se poida retomar o Culturgal.

Como explica que a Xunta non apoiase este ano a celebración do Culturgal despois do éxito do ano pasado?
Nun artigo en El País, Manuel Rivas facíase esa mesma pregunta, e respondíase, “por iso, paspán, porque tivo éxito”. É incrible que nun momento de crise económica no que o sector necesita empuxe e visibilidade, a Xunta decida non facer unha feira para un sector que ten o seu peso no PIB.

Cales cre que foron as claves do éxito do ano pasado?
A cidadanía da Coruña responde moi ben ás feiras culturais, non hai que esquecer que a de libros do verán é unha das que máis vende no Estado. Unha das claves foi a escolla da cidade, outra a escolla do lugar, situado no centro, e que nós imos manter este ano. Tamén o feito de que durase catro días, que favoreceu o boca a boca. Ademais, desde a Consellaría de Cultura fíxose un esforzo moi grande en publicidade e en integrar todos os sectores, non só o libro, senón tamén o musical, o audiovisual, as novas tecnoloxías...

Como se desenvolverá este ano?
Serán dous días, sábado e domingo, nos que manteremos stands para as empresas do libro, música, audiovisual e outros sectores. Teremos moitas actividades e propostas que farán máis atractiva a feira: teatro, maxia, cabaré, presentacións de libros, obradoiros de ilustración... Haberá actuacións musicais de media hora de artistas como Roi Casal, Nani García, Xabier Díaz e Bonovo, entre outros.

Que resposta recibiron das entidades do sector cultural?
Moi boa. Todo o mundo quedou moi contento o ano pasado. Uns temos claro que ten que ser un acto de protesta contra a política cultural do Partido Popular, e para outros será só unha mostra da creatividade cultural galega.

A feira conta cun orzamento reducido. Como se afronta?
Contamos cun 8% do orzamento do ano pasado, achegado pola Concellaría de Cultura da Coruña e a Deputación. Cando soubemos que o goberno do PP non apoiaba o Culturgal, eramos partidarios de non facelo. Pero ao crearse un movemento no facebook e logo na web, decatámonos de que tiñamos que saber responder a esa demanda cidadá. A propia xente te empuxa e sabes que tes que estar aí, con todos os sectores, para que o ano que vén se retome o Culturgal.

Que lle parece que no avance do programa do Xacobeo 2010 non se citase o Culturgal ni ningún evento de características similares?
Ao igual que todos os sectores culturais, teño moita preocupación pola parálise que existe a nivel cultural na Xunta: Culturgal, Centro Coreográfico Galego, as propostas do Xacobeo... Non houbo outra xeración como esta de xente moza creando empresas de servizos, grupos de música, de danza e demais. Están preocupados e nós con eles. Somos conscientes de que a nivel económico a cultura pode ser unha potencia en Galiza.


5/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: