Unha "tomadura de pelo" e unha mostra máis xa non só do descoñecemento de Galiza senón de desleixo. Así cualificou o deputado do
BNG, Francisco Jorquera, a resposta recibida polo goberno español a unha pregunta sobre a apertura ao tráfico comercial do dique norte do porto de
Alcoa (San Cibrao). Na súa resposta, o Ministerio de Presidencia, ademais de negarse a poñer por escrito os compromisos previos acadados ao respecto, sitúa o devandito peirao en Ourense, única provincia galega que non ten costa.
Sen avancesO porto comercial de San Cibrao é unha concesión exclusiva de Alcoa até o 2023 e, ademais, está xestionado por Portos do Estado. Abrilo ao tráfico xeral pasa por que o goberno español cumpra co mandato do Congreso e inicie conversas coa multinacional do aluminio. Porén, a día de hoxe aínda non se avanzou nese camiño. Aínda máis: na súa resposta, o executivo español anticipa que non se implicará en negociacións para a apertura do porto até que a Xunta non asuma un papel semellante. Asemade, cre que é preciso previamente "valorar se a apertura do dique norte pode afectar negativamente aos postos de traballo directos e indirectos" xerados por Alcoa, así como os seus "dereitos lexítimos".
Pola súa parte, Jorquera lamentou o "pouco peso que ten a Mariña luguesa para o goberno español", ademais "de ignorar onde está situada no mapa". Especialmente crítico foi co ministro de Fomento, José Blanco, e do presidente de Portos, Fernando González Laxe, por "traizoar aos seus electores máis directos".