Destacamos algúns dos actos que se fan no país con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Burela
Unha ampla representación do primeiro equipo feminino, así como membros da xunta directiva do CD Burela FS participan esta cuarta feira, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, na solta de globos que organiza o Concello burelao na praza do consistorio ás 13.00 horas.
Todas as persoas que se acheguen ao acto, ademais, poderán deixar constancia da súa condena ante o maltrato e o seu apoio ás vítimas asinando no Libro de Sinaturas contra a Violencia Sexista, un documento que permanecerá na Casa do Concello deica finais deste mes.
Por outra banda, a Concellaría de Igualdade do municipio mariñao ten previstas outras actividades adicionais. Ás 20.30 horas, proxectarase na Casa da Cultura o filme Moolaadé (2004), do senegalés Ousmane Sembene, premiado no Festival de Cannes e que aborda a cuestión da ablación na sociedade africana.
Á mesma hora do día seguinte, poderase ver Grbavica (2006), película galardoada co Oso de Ouro no Festival de Berlín, da directora e escritora de Bosnia Jasmila Zbanic, que amosa a vida en Sarajevo a través de dúas mulleres, nai e filla, despois da Guerra dos Balcáns.
Compostela
A sala Ultramarinos de Compostela organiza esta cuarta feira unha "noite multidisciplinar" contra a violencia de xénero. A partir das 22.00 horas pasarán polo escenario as poetas Iolanda Aldrei, Concha Roussia, Rosa Martínez, Cruz Martínez, Lorena Souto, Lucía Novas, Alba Méndez e os poetas Alberte Momán e Marío Regueira que recitarán algún dos seus poemas.
Paula Carballeira contará algún dos seus coñecidos contos. E Najla Shami e Hector Lorenzo porán a música a esta noite reivindicativa. Ademais, poderanse ver fotografías relacionadas coa temática da noite e farase unha intervención no propio Ultramarinos onde cada persoa poderá expresar "de que está farta" e que quedará exposta toda a semana.
Silleda
A asociación Avanza Trasdeza convida todo o mundo a participar na proxección da película Te doy mis ojos, o domingo ás 18:00 horas no salón de actos da Casa da Xuventude, con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, esta cuarta feira.
Posteriormente á proxección organizarase unha charla-coloquio aberta "a todas as persoas que queiran, desde a súa experiencia persoal, laboral, profesional, etc., facer unha reflexión sobre a violencia contra as mulleres".
O obxectivo, afirman, é "sensibilizar a sociedade sobre o grave problema que implica a violencia de xénero. Para que o 25 de Novembro deixe de ser unha data de necesaria reivindicación, é necesario un traballo de transformación social intenso en cada unha das esferas en que nos movemos".
Teo
Como en anos precedentes a Asociación Teenses pola Igualdade únese ao Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller con varios actos. Esta cuarta feira, ás 19.30 horas, no local da Asociación de Veciños de Recesende, proxectarase o filme Os homes que non amaban as mulleres, do director danés Niels Arden Oplev. Posteriormente haberá un debate aberto.
Á mesma hora do venres, no Hotel Celuisma Los Tilos, haberá unha conferencia a cargo de Isabel Graña Garrido, responsábel de violencia de xénero da Consellaría de Sanidade, e de Xosé Antonio Caride Gómez, catedrático de pedagoxía social da USC.
Finalmente, procederase á lectura dun manifesto e o posterior acendido de candeas por cada unha das mulleres asasinadas este ano.
Cee e Corcubión
O sábado, na Casa da Cultura de Corcubión, haberá unha Pandeiretada Contra a Violencia de Xénero, ás 19.00 horas, a cargo de tres grupos de pandeireteiras da zona, concretamente de Brens (Pandeireteiras da A.D.C. Brens), Corcubión (Nova Buxaina) e as anfitrioas do evento, as pandeireteiras da Universidade Popular de Corcubión Millo Verde.
Ademais, lerase o manifesto elaborado pola asociación. Por outra banda, esta cuarta feira, haberá unha concentración en Cee, na praza 8 de marzo, ás 20.00 horas, organizada pola Asociación Buserana e na que participarán tamén estas e outras asociacións de Corcubión e Cee.
Bos Aires
A artista Luz Darriba desenvolverá esta cuarta feira nas rúas céntricas da cidade de Bos Aires o proxecto Señales ('Sinais'), que conta co apoio da Dirección da Muller da Municipalidade da Cidade de Bos Aires, da Xunta de Galicia, de The Feminist Art Project e da Fundación CUMULUM.
O obxectivo fundamental é reflexionar acerca da escasa representación simbólica das mulleres no espazo público. Esta acción de carácter artístico, político e social implica situar a figura de tránsito feminina, ausente nos sinais viarios, xunto á masculina.
Señales xa foi realizado en Lugo o 8 de marzo de 2006, Día Internacional da Muller Traballadora. Daquelas, serviu de modelo para que diversos concellos do Estado e do resto de Europa adoptasen, a partir das súas políticas de igualdade, semáforos mixtos de xeito definitivo.
Outros actos
Estes son só algúns dos actos que se organizan en Galiza (tamén na exterior) con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Entre algúns outros tamén cómpre salientar os organizados pola Marcha Mundial das Mulleres, presentados a semana pasada.
Doutra banda, o Sindicato dos Traballadores do Ensino (STEG), que fai público nesta xornada o seu manifesto Machismo? Non grazas: mata. Por unha sociedade igualitaria (.pdf) ofrece na súa web propostas de actividades didácticas para este 25 de novembro a desenvolver nas aulas de infantil, primaria e secundaria.