Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DENDE AS 4 DA MAÑÁ, EN VIGO

Dous parados do naval péchanse nun guindastre de Barreras

Denuncian contratacións irregulares no sector e adiantan que non baixarán mentres non sexan recibidos pola dirección da empresa.

Redacción - 11:02 11/02/2010
Aseguran que non baixarán mentres non sexan recibidos pola dirección da empresa / Imaxe: Zélia Garcia

Aseguran que non baixarán mentres non sexan recibidos pola dirección da empresa / Imaxe: Zélia Garcia

Dende as catro da mañá levan dous traballadores do sector naval en paro pechados nun guindastre do estaleiro Barreras, en Vigo. Aseguran verse empurrados a este tipo de accións ante a desesperación de ver como seguen sen emprego mentres os empresarios fan contratacións fóra de convenio de persoal estranxeiro.

Contratos baratos
“Prefiren contratar a unha empresa portuguesa porque co gasto que terían cun de nós explotan a dous traballadores estranxeiros”, explica a Vieiros Leonardo Fernández, un dos portavoces do colectivo, ao tempo que subliña que, deste xeito, se está a incumprir a obriga estabelecida no convenio de cubrir as vacantes coas bolsas de traballo de desempregados do naval.

“Non estamos falando das empresas auxiliares”, destaca, “senón dos grandes patróns do sector, que o único que queren é buscar man de obra barata e desprezan os nosos dereitos”. Fernández cifra en 800 os traballadores do naval afectados nos estaleiros de Vigo, entre quen se atopan caldereiros, tubeiros, electricistas e soldadores, entre outras profesións.

“Estamos custándolle cartos á Administración, que ten que pagar o noso paro, mentres nos consta que o número de contratados estranxeiros é duns 600 en Bouzas e duns 150 en Barreras”, asegura, “con estes postos de traballo solucionabamos o problema do paro no naval galego”. “As grandes empresas como Barreras están a recibir subvencións neste contexto de crise para manter o emprego e, en vez de fomentar os nosos postos de traballo, están contratando irregularmente a xente de fóra”, asegura.

Á marxe dos sindicatos
Os dous traballadores pechados no guindastre adiantan que non baixarán até seren recibidos pola dirección de Barreras. Representan á Plataforma de Traballadores e aseguran non verse representados polos sindicatos. “Tanto UXT, como CCOO, como a CIG están defendendo un acordo que xa está asinado”, lamenta Fernández, “xa conseguimos regular o sector, o que hai que facer agora é que se cumpra e só nos queda manifestarnos na rúa”.

Esta é a última das accións deste colectivo, que leva semanas realizando diferentes actos de protesta como o peche na enfermaría do estaleiro, da que foron desaloxados pola policía, ou nas instalacións da Inspección de Traballo.


4,33/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: