Dos dez puntos recurridos, as partes foron quen de consensuar seis. Porén, aínda haberá que agardar outra xuntanza para un entendemento total.
A Lei de Caixas aprobada polo Parlamento de Galiza segue a distanciar o Goberno galego e ao estatal. Porén, na xuntanza bilateral deste martes houbo avances notábeis. As partes foron quen de consensuar seis dos dez puntos que o executivo español considera inconstitucionais. Aínda que o acordo semella máis próximo, ninguén quere cantar vitoria. O dato máis pesimista é que a xuntanza rematou sen quedar fixada outra data.
Fontes da propia Xunta desveláronlle a La Voz de Galicia que os representantes do goberno español levantáronse da mesa poñendo como escusa problemas de axenda. Isto, sempre segundo a edición dixital deste medio, provocou o malestar dos negociadores galegos que consideraban que era posíbel ter un acordo totalmente pechado esta mañá.
Pola súa parte, o secretario de Estado de Cooperación Territorial, Gaspar Zarrías, subliñou ao remate do encontro que había avances significativos e que a reunión resultara positiva. Dende a Xunta non quixeron ser tan optimistas e aseguraron que hai diferentes “ritmos” de negociación entre as dúas bandas.
PPdeG e BNG pídenlle ao goberno español que non demore as negociacións
Unha vez concluída a xuntanza de Madrid as forzas políticas galegas fixeron as primeiras valoracións. Así, o voceiro de Economía do PPdeG, Pedro Puy, subliñou que os “avances” deste sábado son “formais e técnicos”. Puy pídelle ao goberno español que “siga pola senda da negociación e non a demore”. Neste sentido mantivo que a Xunta está disposta a seguir negociando nas vindeiras horas para pechar canto antes un acordo.
O líder dos parlamentarios nacionalistas, Carlos Aymerich, foi máis escéptico e sostén que as negociación están nun punto parecido á semana pasada. Para o voceiro do BNG hai indicios de que o goberno español “quere imprimir un ritmo máis lento”. Advertiulle a Feijoo que lle está chegando a hora da verdade e que, se o acordo se segue a demorar”, ten que presentar un recurso contra o FROB.
O PSdeG culpa á Xunta
A diferenza márcaa outra vez o PSdeG. O seu presidente, Manuel Vázquez, sinalou que a Xunta ten que ceder até que a Lei de Caixas cumpra coa Constitución. Segundo Vázquez, Rueda e Feijoo están a “poñer en risco o sistema financieiro de Galiza” ao non “adaptar” o texto ás leis española fundamentais: “ E dígoo avalado polo Tribunal Constitucional, o Consello de Estado e dígoo avalado porque acaban de asumir a rectificación de seis artigos, agora teñen que rectificar os dez”