Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Dentro de 10 anos

Internet faranos máis "intelixentes", segundo expertos

Unha enquisa realizada por Pew Research Center tamén chega á conclusión de que non é posíbel saber que novas tecnoloxías triunfarán en 2020.

Redacción - 10:00 07/03/2010

Unha enquisa efectuada a 900 expertos asegura que dentro de 10 anos a Humanidade será máis intelixente, lerá máis e terá mellor ortografía e capacidade de comprensión, e todo iso será grazas á internet. O estudo, promovido polo estadounidense Pew Research Center, tamén chega á conclusión de que a rede seguirá a ser libre e anónima e que haberá novidades tecnolóxicas.

A enquisa formulóuselle a profesorado universitario, líderes de opinión da rede e a responsábeis de empresas tecnolóxicas. A meirande parte dos participantes teñen unha longa traxectoria en liña. As preguntas deste ano analizan en que medida a internet está a modificar a intelixencia humana e se as innovacións tecnolóxicas seguirán a sorprendernos.

Un dos resultados máis sorprendentes foi que as tres cuartas partes das persoas entrevistadas están seguras de que a rede potenciará a nosa capacidade mental, o que contrasta coa teoría de que o fácil acceso á información e a navegación rápida poden limitar a concentración e a profundidade de pensamento.

Dous terzos das persoas consultadas aseguran que en 2020 mellorará a capacidade de ler e escribir. A xeración da internet, aseguran, contrastará coa anterior, centrada na televisión. Aínda así, os expertos aseguran que a xeración dos maiores seguirá a desprezar a destreza dos máis novos, algo que xa aconteceu durante as anteriores revolucións tecnolóxicas. En calquera caso, aseguran que os xeitos de ler, de escribir, de pensar e de compartir coñecemento serán diferentes, e apostan pola diminución da ficción de longo formato e polo aumento da representación visual de datos.

Tecnoloxía imprevisíbel
Hai aínda máis coincidencia en que nos vindeiros 10 anos haberá avances que nin imaxinamos hoxe. O 80% dos entrevistados confesan non teren nin idea do que triunfará en 2020, nun contexto de banda larga moito máis rápida e de computadores moito máis potentes. Aínda así, ven tendencias na realidade aumentada.

Porén, as principais ameazas á liberdade e á neutralidade da internet serán os poderes políticos e económicos, interesados en teren a rede baixo control.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: