Xa consolidado cando aínda non cumpriu unha década, o ALT achega un ano máis as artes escénica á cidadanía. En Vigo desde este xoves e até o sábado 20.
A compañía francesa Etxea, a valenciana Losquequedan e tamén chegada de Francia, a Café Klash. Son as tres propostas que protagonizarán a inauguración da novena edición do festival ALT, que comeza este xoves 11 de marzo en Vigo.
Unha aposta novamente por algunhas das propostas máis frescas no ámbito das artes escénicas contemporánea. Traballos arriscados, mesturas de distintas linguaxes artísticas e novos creadores. Serán en total até o sábado 20 até doce espectáculos en espazos como o CUVI (Universidade de Vigo) o MARCO (Museo de Arte Contemporánea de Vigo) e a Casa das Artes.
''Exstrada'' é a proposta de Frédèric Etcheverry e Gloria Aras, compoñentes do grupo Etxea, ás 13 horas no CUVI e ao longo do día nas rúas da cidade. É unha peza a medio camiño entre a danza e o teatro de rúa, un paseo interactivo que pon en relación aos artistas co espazo urbano e cos viandantes. O público é parte desta peza que se articula arredor da presenza, da improvisación, do movemento e da composición instantánea. Doutra banda, ''Hier j'ai collé des timbres et écrit des adresses á la main...'' é o espectáculo dos franceses Café Klash e 'Borrón#8' é o espectáculo da compañía valenciana Losquequedan. Unha peza, a dos valencianos, que trata de formular unha crítica ao sistema de produción e distribución das artes escénicas, analizando o funcionamento das subvencións, os períodos pechados de produción e as súas consecuencias na creatividade. Café Klash pecha esta primeira xornada ás 21h30 na Casa das Artes, cunha proposta na que un bailarín e un xograr confrontan as súas disciplinas, cuestionándose o seu carácter íntimo ou oficial e a súa materialidade.
Toda a información na web do FestivALt