A redución de custos non se producirá mudando ao software libre, senón reorganizando e unificando os concursos e contratos coa multinacional.
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica anunciou que vai aforrar no pago de licenzas a Microsoft. Porén, esa política de austeridade non vai supoñer evitar gastar os 10,5 millóns de euros que a Xunta lle paga cada tres anos á multinacional estadounidense, nin os 3,5 que, de media, aboa anualmente cada departamento. Así, en lugar de optar por unha transición a un sistema operativo libre e favorecer a independencia tecnolóxica e o desenvolvemento das TIC do país, o que fará será reformar o xeito en que se convocan os concursos, co que pretende reducir o gasto nun 37%.
Así, o Goberno unificará os contratos con Microsoft, realizando os concursos conxuntamente, o que permitirá baixar os prezos un 18% con respecto aos que se convocaban por cada consellaría. Así mesmo, as licenzas contrataranse mediante concurso público. O aforro vai supoñer, aínda así, un gasto de 4,6 millóns de euros cada tres anos.
Segundo Modernización, actualmente o promedio anual de pagamentos nos contratos individuais a Microsoft é de 3,5 millóns de euros, que quedarán en 2,2 co novo contrato unificado. Esa agrupación de licenzas pretende dar "maior transparencia" ás licenzas concedidas a Microsoft, que se beneficia da súa situación de monopolio na práctica. Aínda así, a Xunta aposta por potenciar o uso de ferramentas ofimáticas de software libre, reducindo o número de licenzas de Microsoft Office, aínda que non dá cifras sobre en que medida o fará.
Esa aposta polo software libre aparece plasmada no Plan de Acción 2010 de Modernización, dotado con 800 mil euros no presente exercicio, e que pretende promover a interoperabilidade e a reutilización da información do sector público, ademais de impulsar a emisión de documentos en formatos abertos.