Feijoo subliña que o actual Goberno aumentou un 20% as axudas destinadas á Academia.
A Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vai sufragar a remodelación do soto do inmóbel da Real Academia Galega. Así o aprobou este xoves o Consello da Xunta, que deu luz verde a unha partida de 156 mil euros para estas obras. Os traballos servirán para mellorar sensibelmente a situación do arquivo da institución.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, sinalou que cumpre así co falado no seu día co novo presidente da Real Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín: “Comprometinme a dignificar a sede, non só a cuberta, senón tamén a facer un arquivo bibliográfico”.
Mais Feijoo deulle tamén un significado político ás obras: “Moitos falan de proteción da lingua e o actual executivo, con 500 millóns menos que o anterior aumenta un 20% os fondos destinados á Academia. Que cada un o interprete como queira”.