Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Emprego público

Os sindicatos da CRTVG pídenlle ao TSXG que faga convocar as oposicións

CIG, UXT, USO e CCOO afirman que se esgotou o prazo de dous meses dado polo tribunal e que consideran suficiente para superar os trámites administrativos.

Redacción - 11:30 10/05/2010

O sindicatos CIG, UXT, USO e CCOO presentaron un escrito perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza reclamando que convoque xa a Oferta Pública de Emprego da CRTVG. As centrais representadas no Comité Interempresas constataron que non se cumpriu o acordo acadado perante o tribunal o 26 de febreiro, que daba un prazo de dous meses para a publicación da oferta.

Segundo explicou o presidente do Comité Interempresas, Santiago Alvite, a empresa alegou "problemas cos trámites con Facenda" para atrasar a convocatoria. Os sindicatos consideran que os dous meses dados de prazo foron suficientes para cumprr eses trámites, perante as direccións xerais de Función Pública e de Orzamento.

Alvite explicou que "non cremos que ese atraso estea xustificado". "A cuestión é", afirma, "se unha parte do persoal quere ou non a OPE". O presidente do Comité Interempresas reflexionou que "os postos de traballo da CRTVG están pagados cos cartos de todos, e son dereito de todos os que cumpran os requisitos".

Segundo Alvite, "hai persoas preparando esas oposicións ás que teñen dereito", á marxe "de que un sector non queira que se convoquen". Despois de que se esgotasen os dous meses dados de prazo polo TSXG, agora o tribunal ten un prazo de aproximadamente 15 días para citar a conciliación ou o xuízo. En calquera caso, o Comité Interempresas non descarta que nese tempo se acaben convocando as oposicións.

O escrito solicítalle ao tribunal que dite auto decretando a execución do acordo e que advirta a dirección da empresa das posíbeis sancións económicas e das responsabilidades persoais en que pode incorrer ao incumprir os seus compromisos.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: