“Non lle pode pedir aos traballadores que apreten o cinto e que ao mesmo tempo haxa máis de 350 vehículos recorrendo Galiza de punta a punta”.
Unha cousa é predicar e outra é dar trigo. Isto é o que denuncia o PSdeG ao respecto das políticas de austeridade das que presume a Xunta. Os socialistas subliñan que mentres o Goberno fixo recortes en políticas sociais, o gasto no parque móbil da administración non deixou de aumentar. Como exemplo sinalan que dende a chegada de Núñez Feijoo o parque móbil aumentou de 2.248 a máis de 2.700 vehículos.
Diante disto, o deputado Xosé Manuel Lage anunciou este sábado que vai propoñer no Parlamento que “se recorte nun 50% o gasto en vehículos oficiais e se reduza á metade o parque móbil dos altos cargos da Xunta. En tempos de crise non se lle pode pedir aos traballadores deste país que apreten o cinto e ao mesmo tempo que na Xunta haxa máis de 350 coches oficiais recorrendo Galiza de punta a punta a conta do erario público”.
Para os socialistas o Goberno practica a “dobre moral” xa que adquiriu 457 vehículos no último ano polo sistema de renting: “Con Feijóo como presidente, a Xunta segue mercando coches de alta gama en plena época de crise, a semana pasada mercaron un C8 de alta gama e hai meses mercaron berlinas superiores para directivos de Sogama, entidade dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas".
Na proposta que tratará o Parlamento contémplase a ampliación da vida útil dos coches, a limitación dos vehículos oficiais con chófer a uso exclusivo de conselleiros e altos cargos con retribucións asimiladas a estes. Tamén se demanda a “a remisión ao Parlamento cada seis meses dun informe onde figuren as operacións de adquisición de vehículos da Xunta”.