Os académicos correspondentes do Eo-Navia, As Portelas e Val das Ellas apoian a proposta remitida desde o Bierzo en favor deste autor.
Homenaxe na tumba de Morales, realizada no 190 aniversario do seu nacemento
Hai agora case un ano que entre os favoritos na lista sobre a que decidía a Real Academia Galega (RAG) a homenaxe para o Día das Letras aparecía a terna conformada por Carvalho Calero, Fernández Morales e Uxío Novoneyra. O courelao foi finalmente o elixido e a quenda de selección volve deixar ao cabo deste mes de xuño aos outros dous como probábeis posibilidades.
Desta volta, o académico correspondente do Bierzo, Héctor Silveiro, vén de remitirlle á RAG a solicitude formal en favor de que Antonio Fernández Morales sexa o autor homenaxeado no Día das Letras en 2011. A proposta a prol do poeta berciano leva tamén o aval dos académicos Carlos Aenlle do Eo-Navia de Asturias, Felipe Lubián das Portelas de Zamora e Domingo Frades do Val do Ellas de Estremadura.
Fanse 150 anos da publicación dunha obra clave do Rexurdimento
En defensa da proposta, os académicos salientan a importancia da obra 'Ensayos poéticos en dialecto berciano' (1861) da que foi autor Antonio Fernández Morales, libro de gran importancia para a literatura galega por ser un dos primeiros publicados na etapa do denominado Rexurdimento, dous anos antes doutro gran libro co que tradicionalmente se di que Rosalía inaugura dita etapa. E xustamente en 2011 coincidirá o 150 aniversario da súa publicación.
"Cargado de peculiaridades léxicas, outro dos aportes do libro, o autor tentaba crear conciencia da necesidade de ''legar á posteridade'' unha lingua comprendida como unha expresión que debe verse nobre e digna, orixinal e intimamente ligada a unha terra", expoñen. Ao fío, remítense a unha recente edición da obra realizada polo Instituto de Estudos Bercianos, onde o profesor e escritor Anxo Angueira sinala que o libro de Morales "por riba da inigualable riqueza antropolóxica e lingüística, entregoulle un dos máis grandes monumentos á nosa Historia da Literatura e o mellor canto que coñezamos ás terras do Bierzo".
A prol desta suxestión á RAG, sublíñase tamén a importancia de asentar a defensa da lingua na comarca berciana, "facendo visíbel a propios e estraños que esta lingua é patrimonio natural do Bierzo, pois é o autor dos ensaios en dialecto berciano o homenaxeado e á vez patrimonio común que comparte Galiza con todos os territorios de fala galega". "Unha gran oportunidade de que avance o camiño da reconciliación coa identidade que está realizando o Bierzo despois de incorporar o galego ao ensino en colexios e institutos (máis de mil familias de xeito voluntario), despois de ser recoñecido polo seu Consello Comarcal ou lograr que apareza mesmo na lexislación da comunidade autónoma á que pertence", indican.