Conta atrás para a manifestación a prol do Estatut de Cataluña que pode marcar un novo fito histórico na loita deste país polo seu autogoberno.
Un 13 de setembro de 1977, centos de milleiros de cataláns (algúns medios falaron dun millón de persoas) saíron ás rúas de Barcelona para reivindicar un Estatuto de Autonomía para o seu país. Aquela histórica manifestación daba fe das profundas arelas de autogoberno dunha cidadanía farta de ver negados durante a ditadura os seus máis elementais dereitos como pobo.
Este sábado, Cataluña pode marcar un novo fito como país que quere ter voz e voto no seu destino. A gran maioría das organizacións políticas e sociais fixeron un chamamento a participar nunha manifestación en defensa da reforma dun Estatut que agora quere recortar o Tribunal Constitucional.
A marcha partirá con dúas pancartas que levarán os lemas de 'Som una nació' (Somos unha nación) e “Nosaltres decidim' (Decidimos nós). Xusto detrás unha gran bandeira catalana e a continuación o presidente da Generalitat, José Montilla; o presidente do Parlament, Ernest Benach; os ex presidentes Jordi Pujol e Pasqual Maragall; e os ex presidentes do Parlament Heribert Barrera e Joan Rigol.
Até Barcelona chegarán a primeira hora da mañá centos de autocares dende as diversas comarcas de Cataluña (só CDC xa ten fletados 350 autobuses).
Información nos xornais cataláns:
Vilaweb: Tot a punt per al 10-J
Avui: Més demanda que mai
La Vanguardia: La manifestación contra el fallo del TC, a punto
El Periódico: Un acuerdo salomónico permitirá a Montilla desfilar tras la 'senyera'