Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Corrente Vermella diante das eleccions municipais

As eleccións municipais son presentadas como a ferramenta para o control cidadán dos “políticos” e que atenden aos problemas máis próximos da cidadanía, lonxe dos acontecementos políticos xeraís.

Enviada por dianhodecan dianhodecan o 25/05/2007 10:34

 Fan coma se os acontecementos en Palestina, Afganistán ou Libano non afectase a diario, cando o estado español, co apoio das forzas políticas, mantén tropas de ocupación neses países; fan coma se a ilegalización da esquerda abertzale vasca, co apoio ou o silencio complice de todos, non fose con eles; fan coma se as decisións do goberno central ou da Xunta non tivese nada que ver coa política municipal, ou, como moito, só é xeradora de conflitos entre unhas institucións próximas á poboación, e outras afastadas.

Na realidade, “o municipalismo”, a outra cara do “localismo”, é o refuxio dos especuladores, que atopan no control dos concellos a ferramenta para negociar cos promotores e constructores, como o demostra a corrupción xeneralizada nos concellos.

Os municipios son, logo da figura do rei, as institucións civís máis antidemocráticas que existen: a participación veciñal nos municipios é prácticamente inexistente, os alcaldes son verdadeiros reis de taifas cun poder de decisión tremendo, a través dos Plans de Ordenación Urbana. Os municipios galegos, en concreto, son institucións decimonónicas, construídos ao servizo do control caciquil da poboación, sobre as que se levanta outra institución, as Diputaciones, que reforzan este papel, ao ser só fonte de subvencións e prebendas.

Alen máis, istas eleccións municipais teñen unha tara antidemocrática ben concreta: a ilegalización da esquerda abertzale, da que deixaron só a metade da ANV. Mentres, permítense as candidaturas do PP, cómplices de Bush e Blair nos genocidios de Iraq e Afganistán, que nunca condenou o réxime genocida de Franco; é dicir, o herdeiro da ditadura franquista é legal, e os que loitan polo dereito democrático á autodeterminación son ilegais.

Galicia vive unha situación na que a pouca esperanza dun verdadeiro cambio estase a dilapidar. O papel da Xunta na recente folga dos metalúrgicos vigueses, que todo o máis que chegou foi a “instar” aos empresarios a ceder, cando levaban un ano incumplindo o convenio, o papel de comadrona no peche de La Toja, que remata cun acordo para evitar a mobilización, prexubilacions e promesas de recolocación, ou o de “mirar para outro lado” ante os 200 despedimentos das traballadoras de Atento, demostran onde se sitúan os partidos da Xunta do Bipartito.

A claudicación ante os ataques da patronal contra os traballadores contrasta coa firmeza á hora de defender os grandes proxectos da burguesía e a patronal: a privatización de ASTANO, mentres deslocalizan e despiden; a construción do AVE, que supón un freo real a unha verdadeira rede de transporte publico; o proxecto da Cidade da Cultura, que hipoteca a cultura por anos, ou do Porto Exterior a 8 km doutro Porto Exterior, escondendo a gran manobra especulativa que supón a venda dos peiraos de Coruña para construír máis vivendas a prezos inalcanzables.

Nestas eleccións municipais discútese de todo isto, mais non das solucions reais. Non se fala de nacionalizar o chan para facer plans de construción de vivendas a baixo prezo, de guarderías nos concellos, de comedores e lavanderías; non se discute de rexeitar rotundamente as deslocalizaciones, os peches e os despedimentos; non se discute de frear as manobras especulativas, e facer propostas para vertebrar as cidades e comarcas nun sistema de transportes integrado, baseado no tren e o bus.

Para Corrente Vermella presentarse a unhas eleccións, como o de exercer o dereito democrático ao voto, esta en función de que sirvan para desenvolver a mobilización da clase traballadora, dos metalúrxicos de Vigo, das traballadoras de Atento, dos mariscadores de Ferrol, etc., por mellorar as súas condicións de vida e traballo, polos seus dereitos democráticos, pola súa liberación de toda explotación e opresión.

Corrente Vermella cre que ningunha das que actualmente preséntanse desde la “esquerda” e o “progreso” representan unha verdadeira ruptura cos 17 anos de fraguismo. As candidaturas da chamada “esquerda” adáptanse ao sistema, e só pretenden humanizalo. Fronte á coherencia do discurso da dereita franquista oponse, como máximo, unhas propostas dentro do sistema que non xeran ningunha ilusión de cambio.

Corrente Vermella ve necesario a reconstrución da esquerda que aposta pola transformación socialista da sociedade, sobre a base dunha fronte da esquerda anticapitalista, que rache coa dicotomía entre as necesidades da clase traballadora e a representación política institucional. Esta é a tarefa de aqui para diante, xa que haberá que seguir loitando contra as deslocalizaciones e os despedimento, contra a especulación na vivenda e polo transporte público, polo dereito á autodeterminación dos pobos, contra as agresións imperialistas aos pobos do mundo, e en fin, pola ruptura co réxime herdado do franquismo.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: