A CIG denuncia que a unha ATS dunha residencia de maiores véñenlle de denega-la súa solicitude de prestación por risco durante a lactancia conforme lle recoñecía o Art. 135 bis da Lei da Seguridade Social, a Lei de Prevención de Riscos Laborais, o Regulamento de Prevención e a Lei 2/2007 do Traballo en igualdade das mulleres de Galiza.
A Lei Xeral da Seguridade Social recoñece que existe situación de risco durante a lactación natural dun/ha fillo/a menor de 9 meses cando as condición de traballo puidesen influír negativamente na saúde da nai ou do/a bebé lactante. Para estes casos a propia lei recoñece un período de suspensión do contrato de traballo e a conseguinte prestación económica para aqueles supostos nos que a nai traballadora non se lle puidera cambiar o posto por outro compatíbel cá súa situación ou tal cambio non sexa obxectiva ou tecnicamente posíbel.
O abuso acontece porque é a propia Mutua de Prevención, neste caso Mutua Gallega del Trabajo, a que ten que pagar a prestación e ao mesmo tempo emitir informes ou valorar os xa aportados pola empresa sobres os riscos para a lactación natural existentes no posto de traballo.
O Servizo de Prevención da Xunta de Galicia consultado sobre o caso particular e sobre as súas competencias para facer cumprir a Lei manifesta a máis absoluta das imposibilidades, porque é competencia exclusiva das Mutuas.
Unha vez esgotada a vía administrativa o único camiño que lle queda a esta traballadora é iniciar o longo camiño xudicial, o que cando remate recoñecéndolle ás traballadoras o seu dereito á suspensión de contrato e a prestación manifestarase como ineficaz porque o/a bebe xa terá máis que abandonado o proceso de lactación; e, entanto estarase a incumprir o espírito da lei que é garantir que os/as pequenos/as teñan un aleitamento eficaz e seguro durante os primeiros 9 meses de vida.
A maternidade ten unha cara persoal e familiar, pero tamén a ten colectiva. Ás mulleres levamos moitos anos loitando para poder integrarnos plenamente na vida laboral como para que nestes momentos (nos que ademais estamos a celebrar a semana internacional da lactancia natural) unha entidade privada nos prive dos nosos dereitos e para que a Administración pública galega consinta nesta situación sen facer cumprir a lei.
En Ferrol a 7 de outubro de 2009.
CIG.-Administración Pública de Ferrol