Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Aos vinculeiros do Baltar

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de Aos vinculeiros do Baltar

Aos vinculeiros do Baltar

Era o 1 de xuño do 2005, vésperas  de comicios, cando se andaban amañando as cousas por Ourense, asegurándonos que os malarraza non accederan ao poder, cando eu me desafoguei escribindo o que a este comentario segue.

Enviada por cissjgv cissjgv o 29/01/2010 21:11

Custábame -daquela - crer que nun país que se dicía democrático se permitira que unha mafia caciqueara arrombara as súas miserables nádegas sobre toda unha provincia do país, deixando un ronsel de pobreza. Pobreza material, si, pero sobre todo moral. Velaí a miña frustración: ver ao meu país somerxido na decadencia moral, seu espírito derreado, e el incapaz de o percibir. A victoria dos caciques foi -é- total. E arrepiaba de frustración ao observar que a resposta máis salientable a tan miserable condición, a tanta depredación, era o silencio covarde e baldón, sobre todo nas voces que for forza da razón máis chamadas estaban -e están- a se erguer en defensa das bisbarras esmagadas, incentivalas a ceibarse das gadoupas malvadas, para así poder reencamiñarse nos vieiros da rehabilitación moral, precursora, esta, da prosperidade material. Todos calaron, e calan. Os covardes non saben facer outra cousa. Silencio nos nosos claustros universitarios; nos nosos xornais, silencio; as agrupacións cívicas (cívicas?), os partidos políticos, ata o mesmísimo poder xudicial, todos reducidos a simples vulgares bazofias, refugallos inservibles, testemuños dunha cultura suicida, pouco máis ca cans de palleiro amansados, debaixo da mesa agardando polas migallas que lle guindes os seus amos. Iso son as elites culturais deste meu país perante a desfeita dos caciques miserables. Ou aínda peor, latrinas onde se arromban as nádegas dos caciques malvados. Os poucos que se atreven a dicir algo, dino con tanto medo e tan amodiño que os desalmados usurpadores rinse deles nas gargalladas da burla e do descaro. Mellor sería se non dixesen nada.

Agora que andamos de novo con novos amañes, estoutros sucesorios e xa algo máis refinados, que non por iso menos entregados á perfidia, e vexo como o indispensable Baltar de Ourense, sumo sacerdote das doutrinas do engano, se entrega co afán de sempre ás tarefas de axeitar as cousas como é devido, asegurándonos que no país, como mínimo, se preserve ese tanto de decencia, ética e integridade que el nos aporta, e que tantos anos e traballo lle custou labrar, atrévome -malamente- a compartir o canto aquí adxunto con todos aqueles que polo noso benquerido Baltar sintan a admiración que eu sinto, e que pola integridade, entrega e honorabilidade dos seus designados a servir ao país sintan o mesmo respecto que eu sinto. A miña admiración perante tanto sacrificio, dedicación e entrega sáeme dereitiña do corazón, sen un ápice de sarcasmo. ¡Nada de sátiras! E quede claro: sendo sempre as miñas carencias -que xan non as súas virtudes - responsables únicas de que moitas das súas nobrezas, logros e méritos non queden debidamente reflectidos no que do noso admirado e benquerido eu poida haber escrito.

Xa logo, sen máis, aos vinculeiros elixidos polo sabio ourensán lles dedico este poema e canta honra de el se poida estrugar.


Aos vinculeiros elixidos
polo sabio ourensán
(¡Pedra fita da decencia,
paradigma da verdade!,
nas canteiras deste pobo
nunca se puido labrar
pedra angular perpiaño
que a el for igualar)
lle imos recordar,
que despois do anel lle bicar
e a beizón lle aceptar,
¡no camiño a Compostela
non se esquezan de parar,
alí, aos pés do Arnoia,
como faría o Señor Baltar!

E tamén lle incumbe lembrar
que agora xa hai aparencias
¡e outras cousas! que gardar.
¡Sodes xente de proveito
con familias que honrar!,
téndeo sempre ben presente,
sabede a quen ides representar.
E como di un vello refrán:
"¡camiñar coa cabeza erguida,
como é cumprido esperar
de quen cando camiña
vai coa cara do seu pai!"

Servide con ¡obediencia!,
como é propio agardar
de quen ¡tanto! lle debe
ao noso Señor Baltar.

E cando ese parlamento
da Galicia vos toque xurar,
facédeo coa mesma decencia
como o faría o Señor Baltar,
quen sempre deixou constancia
dos valores dun cristián.

Mantede sempre as formas,
¡nunca des que falar!
Aprende de quen soubo
ben facer e ensinar.
Mirade ben e lembrade
a honrosa e nobre herdanza
do noso Señor Baltar.
E lavade as mans no Arnoia,
que xa é praxe popular
nos camiños que de Ourense
a Compostela van dar.

Enchóupanseme os ollos de bagoas,
¡trémenme a voz ao falar!
só de pensar no nome
do noso Señor Baltar.
Son cousas da providencia,
¿quen as ha explicar?
É noso, é destas terras,
o noso Señor Baltar.

Xoán G. Vázquez, Nova Jersey, USA  http://xoangvazquez.blogspot.com/


4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: