Copio e colo do blogue da FPG de Cangas:
A Alternativa Canguesa de Esquerdas, da que a FPG fai parte, analiza neste documento o acontecido nestes 3 anos de goberno de coalición na vila de Cangas. A actitude feixista da alcaldesa do BNG, propia verdadeiramente dunha gobernante da extrema-dereita, propiciou a ruptura do pacto de goberno coas súas continuas inxerencias, co seu quefacer cotián totalmente afastado do que se espera dun goberno coaligado e de esquerdas, coas manobras escuras e o sorprendente comportamento no conflito de Massó como colmo do seu desnortado camiño. Velaquí o texto íntegro do documento da ACE, que se pode descargar premendo nesta ligazón: DIPTICO_ACE
"As eleccións municipais do ano 2007 deixaron un veredicto moi claro ditado polo pobo de Cangas: ningún partido dispuxo da maioría suficiente para formar un goberno dunha soa cor, o cal obrigaba a negociacións para artellar maiorías suficientes que fosen quen de gobernar o Concello. Na ALTERNATIVA CANGUESA DE ESQUERDAS tivémolo claro desde o primeiro día: a nosa obriga –porque así o manifestaramos no noso programa e na campaña electoral- pasaba por favorecer a creación dun goberno alternativo de esquerdas para substituír o do Partido Popular que durante oito anos gobernara Cangas ao seu antollo. Alentamos, pois, e subscribimos, un PACTO ELECTORAL que lle deu a alcaldía ao BNG, como Grupo de esquerdas máis votado, pero cunhas condicións moi claras: Políticas progresistas e de esquerdas, afastadas das dinámicas propias do Partido Popular, e nomeadamente promover un urbanismo sostible e non especulativo que tivese como obxectivo principal a conservación dos sinais de identidade do noso Municipio e non a aportación económica ás arcas do Concello. No pacto de goberno, asinado por nós, pola responsable do BNG e actual alcaldesa e polo responsable do PSOE e actual tenente de alcaldía, concretábase ademais a oposición do goberno resultante ao porto deportivo e á urbanización proxectada en Massó e se lle asignaba a ACE a Concellería de Urbanismo (ademais das de Cultura, Educación, Patrimonio Histórico e Persoal e Réxime Interior). ACE foi fiel desde o primeiro ata o último día ao pacto de goberno asinado, pero desde o Grupo do BNG xa alentaron ben ao principio os problemas (á parte dos que mantiveron co PSOE ou coa concelleira Begoña Pérez Santaclara) ao acusarnos de non recadar o suficiente diñeiro desde o departamento de urbanismo, polo que a idea do crecemento sostible quedaba baixo terra. Continuou despois o BNG, e máis concretamente a alcaldesa (á que o resto dos membros do seu Grupo lle fan de procesión dos “caladiños”) montando un goberno paralelo entre ela e os funcionarios de confianza do PP, fundamentalmente a ex-secretaria (hoxe en Vigo) e o Xefe de urbanismo (agora na Xunta do PP –que casualidade, non si?-). Ao mesmo tempo viñeron as inxerencias nos departamentos que lles correspondían aos outros Grupos, facendo e desfacendo ao seu antollo, sen contar c@s concelleir@s responsables, e rematou a faena co cese de facto do concelleiro Mariano Abalo das responsabilidades en Urbanismo que asumiu ela directamente para darlle carta branca a canta operación especulativa se fraguaba en Cangas (e a de Massó é só o exemplo máis sangrante). O BNG ROMPEU unilateralmente, xa que logo, o PACTO DE GOBERNO.
A ALTERNATIVA CANGUESA DE ESQUERDAS deulle tres meses ao BNG para chegar a un diálogo que permitise retomar o pacto, pero este grupo de caladiños baixo as ordes dunha verdadeira ditadora, propia dun goberno da extrema dereita, nin se dignou a contestar as nosas peticións, pretendendo seguir adiante cun programa de goberno que supón un engano e unha tomadura de pelo a tod@s @s votantes de esquerdas deste municipio.
Que a ninguén lle extrañe, pois, que ACE abandonase un goberno inexistente tras a ruptura do pacto por parte do BNG porque @s seus concelleir@s non estaban dispostos a seren cómplices de maneiras dereitosas e mesmo mafiosas de facer política.
E para ilustrar o que dicimos podemos falar, entre outras cousas, do cambalache das obras aprobadas para o 2º Plan E, no que se van gastar máis dun millón de euros nun edificio para as persoas maiores (unha planta) e para a policía local e protección civil (A policía xa ten local e a protección civil se lle podía buscar unha ubicación moito máis barata e legal). Destínanse ademais 600.000 € en acondicionar o campo do Alondras, cando, de seren menos prepotentes e de levaren unha negociación clara e transparente coa Comunidade de Montes de Darbo, por 200.000 € menos teriamos un campo en condicións e de uso público, ademais do Alondras que tamén o necesita. En cambio – que casualidade!- a obra do pavillón do Colexio de San Roque para uso escolar e público, defendida por ACE e de verdadeira necesidade, foi sendo rebaixada desde os 800.000 € da primeira estimación aos 600.000 € do anteproxecto inicial e aos 400.000 do final.
E mentres, inversións imprescindibles na parroquias seguen esperando, por falta de cartos, outra oportunidade porque desde este goberno minoritario se priman as obras de escaparate.
Nós, os concelleiros e a concelleira de ACE, NON VIVIMOS DA POLÍTICA, e, polo tanto, se temos que abandonar o poder municipal por defender actuacións transparentes e os máis elementais principios democráticos, facémolo sen máis. Outras e outros está claro que non poden dicir o mesmo.
ACE deixou o Goberno de Cangas por coherencia cos seus principios políticos e co seu programa electoral, polos que seguirá a traballar sen descanso desde a oposición actual ou desde onde o pobo de Cangas decida situala no futuro.
O que está claro é que os demais, os que seguen a querer gobernar Cangas sen apoios, fano desde agora coa ILEXITIMIDADE que lles dá representar a unha mínima minoría do pobo de Cangas. A Alcaldesa e o seu Tenente foron postos aí por unha maioría de trece votos sobre vinte e un. Hoxe cantos manteñen? Oito ou nove. Como moito! Pero el@s seguen como se nada. O que menos lles importa é a lexitimidade que só poden otorgar os votos libres. El@s van ao seu, e o seu son intereses moi distintos aos da veciñanza, á que traizoaron co seu xeito de facer política.
ACE, dende fóra do goberno, comprométese a seguir defendendo os intereses do pobo de Cangas por enriba de todo. Así o fixemos estes anos desde o goberno e así o faremos desde agora na oposición. A nós nin se nos compra nin se nos dobrega. O noso compromiso é inamovible e estivo e segue a estar no programa electoral co que nos presentamos ás eleccións municipais. Seguiremos loitando por el coa cabeza ben alta". ALTERNATIVA CANGUESA DE ESQUERDAS A.C.E.