Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Monteferro no Avance do PXOM: Cemento, ladrillos e area

Sorpresa e indignación produciu no colectivo Salvemos Monteferro --como demostran as numerosas chamadas e mensaxes recibidas de socios e simpatizantes-- a noticia de que 20.000 m2 da zona norte de Monteferro pretenden ser considerados como “urbanizables” no novo PXOM de Nigrán.En amarelo o solo urbanizable.

Enviada por taurozen taurozen o 02/03/2010 11:27

Esa decisión desminte totalmente as reiteradas promesas do equipo de goberno, e especialmente do propio Alcalde, de respectar os acordos aos que chegase o Consello Sectorial, e pon en serio perigo a mesma supervivencia deste.

Nese Consello, único foro de debate sobre o novo PXOM, participan máis de 20 colectivos de Nigrán, o que constitúe a práctica totalidade do entramado asociativo do concello. Partidos políticos, asociacións veciñais, deportivas, culturais, sociais, profesionais e ecoloxistas, de todas as tendencias e ideoloxías, que nos unimos para buscar, tras longas reunións e debates,  unha visión conxunta e consensuada do Nigrán que queremos no futuro. E onde, por certo, non contamos coas achegas e contribucións do PP nin da UCN, porque non se dignaron debater cos colectivos de Nigrán. Agora mesmo descoñecemos os seus puntos de vista sobre o planeamento do concello; iso si, de entrada posiciónanse contra todo o proceso de tramitación do PXOM.

A calificación como urbanizables deses 20.000 m2, aparecida no documento de avance do Plan Xeral, contradí gravemente o acordo alcanzado pola Asemblea do Consello Sectorial respecto a Monteferro, acordo que foi aprobado por abrumadora maioría, cun único voto en contra. O texto final (que recollía integramente unha proposta de Salvemos Monteferro) dicía así:  “Consideramos que o PXOM debe integrar e aumentar as medidas protectoras de Monteferro que conteñen as actuais normas subsidiarias, impedindo [...] intervencións que modifiquen o seu carácter de espazo natural, que é a maior riqueza que para Nigrán representa Monteferro.”

E contradí así mesmo outro acordo da mesma Asemblea (tamén maioritario e tamén baseado nunha proposta deste colectivo) respecto a toda a franxa costeira do concello, no que textualmente se consideraba “que cómpre restrinxir ao máximo a construción de novas edificacións e infraestruturas nesa zona [litoral] sensible”.

Consideramos indispensable que o equipo de goberno, co alcalde e o tenente de alcalde á fronte, amosen a firme vontade política de evitar esta nova desfeita.

As declaracións aos medios de comunicación falando de dotar da máxima  protección a Monteferro, Monte Lourido ou A Foz do Miñor, soan moi ben, pero son totalmente incompatibles con noticias como esta.

Tampouco podemos entender, nin moito menos aceptar, as explicacións do equipo redactor e do propio alcalde, en canto a que esta aberración responde a que eses terreos tiñan xa a calificación de urbanizables nas normas subsidiarias. Para que se fai un PXOM? Para manter a ordenación preexistente ou para facer unha nova máis acorde coa realidade actual? Para copiar e perpetuar erros ou para corrixilos? Ademais cómpre lembrar que esta “zona urbanizable” non aparecía como tal no documento de inicio, nin tampouco (cousas veredes) no defenestrado PXOM do tristemente célebre Alfredo Rodíguez Millares.

E aínda máis: vai tamén en contra do estipulado no documento previo á aprobación inicial do Plan de Ordenación do Litoral (POL), enviado recentemente pola Xunta aos Concellos, no que os terreos en cuestión aparecen cualificados como de “Mellora ambiental e paisaxística”, cualificación que impide a edificabilidade.

A pesar do fondo malestar que estas novas nos producen, non podemos menos que alegrarnos ao constatar a maioritaria sensibilidade que respecto a Monteferro se espertou na cidadanía e, sorprendentemente, tamén nalgún concelleiro da oposición que ata agora vivía ben lonxe dese tipo de preocupacións. Que ninguén teña a menor dúbida (e el tampouco) de que Salvemos Monteferro loitará con todas as ferramentas e medios ao seu alcance para evitar un novo atentado contra ese espazo natural senlleiro, o único que nos queda en todo o litoral sur da nosa malferida e malpocada ría de Vigo.

 SALVEMOS MONTEFERRO       

 Propostas de SALVEMOS MONTEFERRO ás Comisións do Social e de Medio Ambiente e Patrimonio do Consello Sectorial de Nigrán

Acordos adoptados polas Mesas Sectoriais do Consello Sectorial de Nigrán


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Monteferro no Avance do PXOM: Cemento, ladrillos e area