Milleiros de cidadáns botáronse ás rúas de Atenas este sábado para lembrar o mozo asasinado.
Milleiros de gregos lembraron durante o día e a noite o mozo asasinado
Logo dun día de actos de protesta sen incidentes na capital de Grecia, a madrugada do sábado ao domingo volveron os disturbios ás rúas de Atenas, cando se cumpre unha semana da morte de Alex Grigoropoulos a mans da Policía.
Varias bombas incendiarias foron lanzadas contra a estación onde traballaba o axente acusado de matar o adolescente de 15 anos, informan axencias internacionais. Ademais, houbo ataques a varios bancos, comercios e a unha oficina do Ministerio do Ambiente.
A Policía, pola súa banda, cargou contra un grupo de manifestantes perto da praza de Syntagma, que se negaban a abandonar as inmediacións do edificio do parlamento. Tamén, milleiros de familias e estudantes lembraron con diversos actos pola mañá o Grigoropoulos.
Polo menos 70 persoas resultaron feridas e máis de 200 foron arrestadas dende que empezaron os disturbios. Malia as protestas en contra das políticas do goberno grego, o primeiro ministro Costas Karamanlis insiste en que o país necesita un líder con experiencia en tempos de crise económica.