Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
A enquisa desata os 'afagos'

Acusa o PP: "Extremistas", e retruca a oposición: "Manipuladores"

Os populares admiten que, independentemente da polémica enquisa, xa tiñan deseñado o roteiro derrogador no ámbito da lingua. A oposición láiase da teima da Xunta en "crear un problema onde non existía".

Redacción - 10:00 02/08/2009

Desde hai semanas, diversas voces no contorno do actual Goberno admiten en privado que a polémica enquisa ás familias sobre a lingua na escola foi unha iniciativa tan innecesaria como problemática. A primeira razón é xustamente que o PP prometeu en varias ocasións, e por boca do seu líder e agora presidente Alberto Núñez Feijoo, que derrogaría o decreto que regula o uso do galego no ensino, aprobado polo bipartito, independentemente do que calquera enquisa puidese dicir. Nese contexto, os datos que puidesen saír deste inquérito, non estaban chamados a ser guieiro ningún de posíbeis estratexias no ámbito das políticas lingüísticas do novo Goberno.

Por riba, as irregularidades do proceso, desbotan a posibilidade de tomar en consideración sequera uns números saídos dunha iniciativa chea de sombras. De feito, chama a atención que, fóra ambigüidades e distorsións premeditadas introducidas na redacción da enquisa, as únicas cifras que semellan realmente contundentes son as que evidencian unha preocupación común: logo de anos de aprendizaxe de inglés, o alumnado sae cun pobre nivel nesa lingua, polo que é masiva a opinión das familias de que esa situación debera ser resolta.

Incerteza sobre a estratexia do PP para o galego nas escolas
Xa que logo, nada se aclarou estes días, nin para iso serviu a enquisa, ao respecto de cal é a estratexia concreta que o PPdeG aplicará desde a Xunta arredor da lingua nas aulas. A última vez que os populares sentaron a debater ao respecto, a comezos do ano 2007, chegábase a un punto de encontro entre todos os grupos parlamentarios, cunha proposta inspirada no modelo das Illas Baleares, apoiado aló polo PP, que garantía o mínimo do 50% do galego. Posteriormente, o PPdeG rexeitaba a última hora o acordo.

Desde aí, e nun contexto de forte presión mediática na prensa conservadora madrileña, que arrebolaba acusacións aos de Feijoo de presuntamente pregárense ás políticas lingüísticas do bipartito, o PP galego respondía endurecendo o seu discurso sobre a lingua. Unha estratexia que chegaba á súa cima o pasado mes de febreiro cando destacados membros do PP, deputados incluídos, asistían á manifestación que en Compostela pedía non só a eliminación do decreto do ensino, senón a derrogación de todo o marco normalizador no ámbito da lingua, incluída a lei de normalización, consensuada cando o propio PpdeG gobernaba no país. De aí en diante, nada novo se soubo dos populares neste ámbito, alén da teima en botar abaixo o decreto en canto recuperasen o poder.

Este sábado, desde o PPdeG recordaban que a derrogación do decreto era unha promesa independente dos datos que puidera ofrecer a enquisa ás familias. En todo caso, defendían a realización desta enquisa e acusaban os socialistas de darlle "pouco valor aos galegos e ás súas opinións". Din desde o PPdeG que as críticas do PSOE son exemplo de "tic antidemocrático que deberían desterrar". Por outro lado, afirman non estar sorprendidos do que cualifican de "deriva do BNG", forza política á que acusan de estar instalada "no extremismo". Ao respecto, consideran que o PSOE "segue en brazos dos que apostan pola imposición das linguas". "O PSOE debería reformularse o seu camiño porque da man dos que cren que o galego hai que instalalo na vida dos cidadáns aínda que para iso haxa que coartar as súas liberdades non van a ningún sitio", expoñen desde a dirección do PP.

"Frívolos" e "manipuladores", acusa o PSdeG
"Crearon un problema que non existía por gañar uns votiños", láiabase este sábado desde o PsdeG o deputado Francisco Cerviño. “Abrir unha fenda en materia lingüística o único que pode conseguir é radicalizar as posturas e fomentar a falla de consenso", lamenta Cerviño. O representante socialista esixe sacar a lingua do debate político e advírtelle ao presidente da Xunta que "non debe privar os estudantes de acadar destreza en ambas as linguas". "Facelo sería propio dunha patria excluínte", agoira.

De paso, Cerviño carga contra a enquisa "metodoloxicamente impresentábel e manipulábel" argallada polo Goberno, para averiguar datos que "xa demostraron os estudos sociolingüísticos realizados pola Real Academia de Galicia e o Consello da Cultura Galega". Insiste o representante socialista en que, sexa como for, o resultado da enquisa "non xustifica a derrogación do decreto do galego". "Unha frivolidade que custou 180 mil euros para algo que non serve para nada", lamentou do inquérito.

"Comezou como despropósito e acabou igual", avalía o BNG
"O BNG sempre dixo que se trataba dunha consulta previamente destinada a cumprir un fin: derrogar o decreto do galego no ensino, xustificar aquelo que non tiña xustificación", lembrou este sábado nun acto político en Poio o voceiro nacional do BNG. Guillerme Vázquez censurou a "ausencia de rigor" na elaboración dunha consulta na que "case a metade dos pais non quixeron participar".

"Se de verdade queren comezar a dar mostras da procura dun consenso, que empecen por non estar en contra do galego", desafiou o voceiro do Bloque. Vázquez dubidou así das conclusións dunha enquisa "que nin tan sequera teñen moi claras os que encargaron a consulta" e avisou de que os resultados "non poden ser vinculantes en ningún caso". Para Guillerme Vázquez, este proceso é exemplo de "demagoxia no que se fai un uso demagóxico da austeridade para logo encargar esta enquisa a unha empresa privada e gastar nela máis de 160.000 euros, tal e como eles mesmos admiten".


5/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: