Remexe no faiado, vístete ao xeito dos anos 30 e participa no videoclip da peza 'Maruxa baila comigo'.
Vai para un par de meses que lles contamos da chegada ás tendas do Son da alma, novo traballo discográfico de Xil Ríos. Logo de botar á luz daquela a peza 'Xa caerá', o cantor moañés prepara novo agasallo para os seareiros musicais. Será en forma de videoclip e coa banda sonora do tema 'Maruxa baila comigo'.
E para ese proxecto, Xil Ríos busca a participación da xente. Xa que logo, a gravación será este martes 22 de xuño a partir das 16horas, no lugar de Mañufe, en Gondomar. O único requirimento é vestir ao xeito dos anos 30, xa que o clip audiovisual recreará unha festa típica daqueles anos, inspirándose en "aquelas marabillosas orquestras e combos". "Haberá café de pote e pastas para todos os asistentes", prometen.